Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MÁIS ALEGACIÓNS CONTRA O PLAN DE ACUICULTURA

Acusan a Pesca de tentar salvar cinco piscifactorías “ilegais”

Salvemos Pontevedra di que Carmen Gallego “solidarízase cos que, como ela, coa súa vivenda en Vilaboa, están á marxe da legalidade”.

M.V. - 13:08 04/09/2007
Granxa de Pescanova en Mougás (Oia) /  Foto: oiaweb.com

Granxa de Pescanova en Mougás (Oia) / Foto: oiaweb.com

Unha das organizacións máis activas en defensa da costa galega, Salvemos Pontevedra, acaba de presentar alegacións contra o Plan Galego de Acuicultura da Consellería de Pesca, un documento que permite a instalación e ampliación dunha ducia de piscifactorías no país.

Solidariedade entre infractores”
Salvemos Pontevedra acusa á conselleira de Pesca de “solidarizarse cos infractores, espírito de clase con quen, como ela, coa súa vivenda ilegal en Vilaboa, están á marxe da legalidade”. Cómpre lembrar que esta organización solicitou ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que ordene tirar o chalé de Carmen Gallego, que leva seis anos cunha orde de derrubo emitida pola propia Xunta.

No recurso os ecoloxistas alertan que a conselleira, mediante o novo Plan, pretende salvar cinco granxas “ilegais”. Refírense ás situadas en Mougás, Punta dos Patos, Punta Moreiras, Ardia e Bico da Ran. Todas elas infrinxen a lexislación de costas ou os plans locais de ordenación do territorio, segundo a asociación.

Subvencións que crean emprego precario

Ademais, tamén arremete contra as subvencións que recibirían as novas granxas, cartos públicos que en moitos casos suporían o 50% do total investido.

Nas alegacións cita estudios científicos que demostran que “toda axuda supostamente encamiñada a melloras sociais ou rexionais serve para enriquecer a unha multinacional, xeralmente de capital foráneo”. E é que para os ecoloxistas as piscifactorías só crean emprego precario.


Dispersar ou concentrar as granxas?

É máis, a organización apunta que foi o propio sector, a través do Clúster de Acuicultura, e non a Xunta quen redactou o documento.

Como proba sinalan que o Plan dispersa as granxas por todo o litoral, coa escusa de minimizar os riscos ante un accidente que contamine unha determinada zona. Para os ecoloxistas tería sido mellor concentralas en zonas de pouco valor ecolóxico e, ademais, prever solucións técnicas ante eventuais episodios de contaminación.

Os argumentos da Xunta

Pola súa banda, Pesca esgrime que as granxas crearán máis de 2.000 empregos cun investimento superior aos 390 millóns de euros.

O documento, di o Goberno, “aposta polo coidado do entorno” e reduce a afectación da Rede Natura ao 1,8 por cento do total de superficie dos parques, fronte ao 27% do plan aprobado polo goberno do Partido Popular.

A Xunta explica que as alegacións - presentadas tamén por Verdegaia, Adega e a Federación Ecoloxista Galega- “serán estudadas e resoltas e, posteriormente, esta normativa será aprobada polo Consello da Xunta”.


Documentos

5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: