Os rodaballos disoltos en ácido fórmico non reciben ningún tipo de tratamento antes de verterse directamente ao mar
ADEGA está a investigar as práticas das empresas de acuicultura industrial en terra, para comprobar o verdadeiro impacto dos seus procedementos produtivos. A falsidade e a propaganda mediática con que algunha destas empresas tentan enganar á opinión pública, con afirmacións tais como que “os parámetros da auga de mar á saída son similares aos da entrada” (memoria do proxecto de Stolt Sea Farm para Baroña), móvenos a expoñer a verdadeira cara destas explotacións. A realidade é que estas industrias (algunhas con máis de 15 anos en funcionamento) carecen aínda de permiso e vertido (información de Augas de Galiza) e son unha importante fonte de contaminación orgánica e química para o litoral como demostran as análises encargadas por ADEGA. A respeito do tratamento dos efluentes, ningunha piscifatorías dispón dun tratamento axeitado para reducir a súa carga contaminante e os seus efeitos sobre a saúde e o ecosistema.
No millor dos casos, o único sistema de depuración é unha foxa decantadora ou unha malla de 1mm de paso (datos dos propios proxectos empresariais). Noutros, nin sequera eso. Tal é o caso da piscifatoría de Stolt, en Quilmas (Carnota) na que nen seguera existe esta malla ou peneira, como o demostran os restos de pensos e peixes mortos atopados nos seus vertidos. Sobre este asunto, ADEGA dispón de informacións conforme os rodaballos mortos deposítanse en contedores de ácido fórmico ao 85% subministrados pola químimca Brenntag, onde se disolven e resulta un líquido pastoso de cor vermello sangue. Posteriormente, este líquido resultante bótase directamente ao mar através dunha arqueta aberta, como se pode observar nos documentos gráficos que achegamos e que correspoden á piscifactoría de Stolt Sea Farm en Quilmas. Dende esta arqueta o conducto desemboca no punto de vertido, sen pasar ningún tipo de depuración.
Dado que ningunha destas instalacións dispón de permiso de vertido, ninguén controla estas práticas nin a calidade e concentración dos seus efluentes. Esta situación pode estar repetíndose noutras instalacións de acuicultura industrial na nosa costa, nas que o alcance dos vertidos pode ser moito maior debido á meirande escala destas instalacións.
Eis outra razón máis para opoñernos a este desproporcionado e insustentábel Plano Acuícola herdado do PP e que agora Pesca quere aprobar correxido e aumentado.