Algúns concursantes foron despedidos dos seus traballos ao saberse da súa participación no espazo.
Unha cadea de televisión por cable colombiana, Kamasutra TV, especializada en contidos eróticos do país, está a ter un enorme éxito co seu polémico reality show Los pichones. A canle de pago de Medellín xa conta con máis de 800 subscritores, que teñen a oportunidade de xulgar a habilidade sexual das dúas parellas concursantes.
Os participantes teñen que superar probas que consisten na práctica de todo tipo de xéneros sexuais, aínda que tamén hai espazo para a arte, como ter que pintar un cadro mentres trebellan. Os equipos Cunnilingus e Felación compiten para gañar o premio á máis erótica de Colombia.
Pero participar neste concurso tamén ten os seus riscos. A difusión das imaxes do programa custáronlles cadanseu emprego a dous concursantes. Unha muller, empregada nun banco, e o seu home, xefe de compras nunha construtora, foron despedidos despois de se coñecer a súa participación en Los pichones.
A produtora 17-26 recibe diariamente multitude de aspirantes, aínda que o que se busca é xente anónima, da rúa, “non xente maior nin tipos lanzados que chegan aquí só para gañar diñeiro”, explicou o produtor Christian Cipriani.
A cadea Kamasutra TV foi creada hai un ano baixo a dirección de Andrea García como unha alternativa ás “louras perfectas de Playboy” e cunha aposta pola produción propia e contidos divulgativos ademais dos puramente eróticos.