En C-1 500 e 1.000 metros, o de Cangas fixou primeiro, pasando directamente á final. Teresa Portela e Sonia Molanes xa ficaron fóra, mais aínda hai opcións para os galegos.
David Cal remou onte en C-1 1000 e hoxe en 500, e nas duas probas ficou primeiro. Na tarde da quinta feira tamén ficou primeiro nas semifinais de 1000 metros, pasando directamente á final, que se celebrará o sábado ás 14:18 horas. A semifinal de C-1 500 é esta mesma tarde, cando saberemos a posición de Cal e se se asegura o paso á final.
Aínda non está todo dito
Bea e Mascato tamén remaban na quinta, no seu C-2, 500, mais ficaron sextos na primeira carreira, e logo sextos tamén na repesca. Os outros galegos, remando en K-4 1000, Prieto e Acuña, ficaron cuartos na quinta feira, polo que deben ir á repesca, o sábado ás 15:18 horas.
Carlos Pérez Rial remou na mañá da sexta, ficando 4º en K-1 500, mais pola tarde volve remar para meterse nas semifinais.
José Luis Bouza, que fai parella co asturiano Rafael Menéndez en C-2 500, rema a sexta ás 10:24 horas.
As galegas Sonia Molanes e Teresa Portela, que quedaron primeiras nas semifinais da quinta feira á tarde, remaron a sexta de mañá e quedaron no sétimo posto da final A.
Ao terminar a mañá saberase máis sobre as clasificacións dos galegos no Mundial de Duisburgo, e coñeceranse, se cadra, os nomes dos que conseguiron un pase directo aos Xogos Olímpicos de Pekín. Se queres saber todo de primeira man, podes mirar directamente na web do Mundial.