Falta un ano menos un día para que comecen oficialmente os Xogos Olímpicos de 2008. A partir desta xornada e até o domingo, os mellores palistas do mundo loitan polas prazas para Pekín.
Madrugando para coller o K-4, as galegas Teresa Portela e Sonia Molanes, xunto con Isabel Fernández e Jana Smidakova, debutaron no Mundial de piragüismo de Duisburgo, ás 8:06 horas, e ficaron cuartas, por detrás de Alemaña, Italia e China. Terán que ir á repesca e ficar entre as tres primeiras para coller praza Pekín.
David Cal ficou primeiro na carreira da mañá en C1 1000, e voltará ás semifinais pola tarde de C1 500. O cangués comezou con forza, e está entre os favoritos para loitar polo primeiro posto. Os seus tempos de adestramento, antes de viaxar a Alemaña, eran moi bos, e o seu peso, de 85 quilos, é case o mesmo que tiña en Atenas, cando trouxo dúas medallas para a casa.
A media mañá compite a parella formada por Bea e Mascato, que aínda que non van remar na distancia curta -a súa favorita- deben ficar entre os seis primeiros de C-2 1000 para pasar á final.
Os outros galegos no Mundial
José Luis Bouza, que fai parella co asturiano Rafael Menéndez en C-2 500, vai tentar meterse directamente nas semifinais a sexta feira ás 10:24 horas.
Borja Prieto e Jaime Acuña, xunto con Saúl Craviotto e Manuel Muñoz, tamén teñen o obxectivo da clasificación olímpica. Reman ás 11:22 horas da quinta feira.
Carlos Pérez Rial é un dos palistas máis rápidos do mundo, pero case sempre é unha incógnita como vai render en cada carreira. O de Aldán, ademais de ir pola medalla -que xa sabe o que é levar unha dun Mundial pendurada do pescozo- debe situarse entre os 8 primeiros para asegurarse un sitio de seu en Pekín. Rial rema a sexta feira ás 8:36 horas, no seu K-1 500.