A revista sonora na internet organiza un acto que contará coa presentación do novo disco de The Homens e as actuacións de Projecto Mourente, Franc3s e os picadiscos Fugaz e Eme.
The Homens estrean disco en Carballo / Foto: Janite
O programa de música independente na rede On The Rocks celebra o seu primeiro festival ao vivo o venres 10. A cita será en Carballo, na sala Silfo ás dez da noite por cinco euros. O espazo presentado por Pepa Arán e dirixido por Quico Balay levará até o local carballés a The Homens, Projecto Mourente e Franc3s, ademais dos picadiscos Eme e Dj Fugaz.
The Homens presentará en primicia o seu primeiro álbum de longa duración, que acaban de gravar e San Feliu de Guixols. A banda de power-pop é, ademais, a que asina a banda sonora de On The Rocks. A música electrónica de Projecto Mourente será outro dos pratos fortes da noite, nunha das súas primeiras actuacións ao vivo. Ademais, a banda de pop ruidista Franc3s, de Carballo, fará soar a súa música, que comparte universo con Triángulo de Amor Bizarro e influencias de Alaska, Surfin' Bichos, Parálisis Permanente ou Joy Division. Os picadiscos DJ Fugaz e Eme e a súa ampla traxectoria encargaranse de animar a noite.
On The Rocks, que pretende ser unha sorte de mini-radiografía da música alternativa e independente, está a preparar as súas vindeiras edicións, dedicadas a bandas como La Habitación Roja ou Travolta.