Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A un ano do comezo dos XXOO en Pequín

Detidos seis activistas en China que pedían a independencia do Tíbet

Amnistía Internacional publica un informe onde lle esixe ao goberno chinés que cumpra a súa promesa de promover os dereitos humanos "como parte do legado das Olimpíadas".

Redacción - 11:30 07/08/2007
Unha manifestante contra a pena de morte en China

Unha manifestante contra a pena de morte en China

Media ducia de activistas estranxeiros (de Canadá, do Reino Unido e dos EUA) foron detidos este martes na Grande Muralla Chinesa logo de despregaren unha pancarta co lema One World, One Dream, Free Tibet 2008 (Un mundo, Un soño, Liberdade para o Tibet 2008), que parafrasea o dos Xogos Olímpicos de Pequín: One World, One Dream.

Os manifestantes ademais de pedir a independencia do Tíbet acusaban ao Comité Olímpico Internacional de eximir a China da súa responsabilidade na vulneración dos dereitos humanos no país. A protesta prodúcese a un ano do comezo das Olimpíadas en Pequín, o 8 de agosto de 2008.

Informe de AI

Con motivo desta data, Amnistía Internacional (AI) acaba de facer público un informe no que advirte de que "a imaxe dos XXOO poderíase ver seriamente danada de non remataren os abusos por parte das autoridades chinesas".

Segundo AI, varios activistas con base na capital seguen baixo detención domiciliaria e baixo fortes medidas de vixilancia policial. Ademais, asegura que continúa a campaña represiva contra xornalistas locais e contra publicacións sobre desenvolvemento e sociedade civil.

"Os comunicados oficiais xustifican estes abusos en beneficio da harmonía e da orde social", sinalan dende AI, que no entanto recoñece avances positivos nos últimos meses no que á pena de morte e a liberdade de prensa dos profesionais estranxeiros se refire.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: