Coincidindo co resultado, o presidente da Comisión Europea, José Manuel Durão Barroso, declarou que Turquía "aínda non está lista" para a UE.
"Levaremos o noso Estado democrático, laico e social até o nivel da civilización contemporánea e farémolo tal e como expresará Atatürk". Con esa referencia ao que se considera o fundador da Turquía actual, falaba en público este domingo o actual primeiro ministro turco, Recip Tayip Erdogan.
Á fronte do Partido da Xustiza e o Desenvolvemento, AKP, Erdogan terá maioría abondo para continuar no poder durante cinco anos máis. "A xente decidiu que sigamos e non paremos, e continuaremos as reformas democratizadoras que conducirán Turquía á Unión Europea", afirmou.
Os islamistas do partido gobernante amarran a maioría absoluta con máis de 340 dos 55 escanos do Parlamento turco, despois de conseguiren o 46,6% dos votos, unha importante suba respecto aos obtidos en 2002. Atrás del, o Partido Republicano do Pobo, formación laica, queda no 21% dos sufraxios, algo máis dun punto de incremento. Por tras, os ultraconservadores do Partido de Acción Nacionalista chimparon ao 14,3%.
Destaca ademais o éxito dos candidatos curdos que acudiron a estes comicios coa estratexia de presentárense de xeito independente no canto de baixo as siglas do partido baixo o que tradicionalmente ían. Deste xeito, evitaron o límite do 10% esixido a unha formación para acceder ao Parlamento, polo que as dúas ducias de representantes obtidos serviranlle á comunidade curda para obter grupo parlamentario propio.