Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
OS CERCEDENSES PROTESTABAN POLO TRÁNSITO DE CAMIÓNS CON CARBÓN

A Garda Civil denunciará os veciños que retiveron a técnicos da central de Meirama

O pasado venres os veciños da Lousa e de Morzós, na parroquia cercedense das Encrobas, cortaron o tráfico para denunciaren os problemas que sofren pola actividade da térmica de Meirama. Dende hai anos, protestan porque o carbón co que traballa a empresa failles a vida imposíbel. Cansos das promesas que nunca chegan, os afectados, moitos xa de idade considerábel, retiveron a tres técnicos de Fenosa. Os empregados, que compartiron viño e chourizos cos veciños, non presentaron denuncia. O problema é que a Garda Civil afirma que dará conta á xustiza da detención ilegal e do corte de tráfico.

- 17:38 06/02/2007
Tags:

Os veciños das Encrobas, en Cerceda, están fartos de aturar o pó dos camións de carbón que se dirixen á térmica Meirama. Dende hai anos, as poucas familias que quedan nas inmediacións do complexo industrial denuncian que a actividade da empresa impide levar unha vida normal. Os veciños dirixíronse en innumerábeis ocasións á empresa e mesmo ás autoridades políticas e xudiciais para explicaren o seu problema. Porén, só houbo promesas.

O pasado venres, os afectados, moitos deles xa maiores, decidiron impedir o tránsito dos camións. Tamén retiveron a tres técnicos da central que se achegaron á zona. Para liberalos, esixian que se persoase no lugar o encargado da central térmica. Logo de horas de discusión, os veciños deixaron marchar os empregados que durante o tempo de retención beberon viño e comeron chourizos cos afectados.

Ata seis anos de cadea
Aínda que ningún dos retidos presentou denuncia, a Garda Civil, que desprazou ata o lugar a numerosos efectivos, anuncia que vai presentar un informe diante do Xulgado de Ordes. Segundo informa El Correo Gallego, a denuncia vaise rexistrar esta mesma semana. Os veciños poden ser acusados dun delito de "detención ilegal", que está penado con sancións de ata seis anos de cadea.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: