O Consello da Xunta autorizou unha addenda ao convenio de colaboración da Consellaría de Innovación e Industria e a Sociedade Anónima de Xestión Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).
Nela inclúense a realización de actividades que potencien o software libre e a instalación dunha sala de traballo corporativo móbil dotada con tecnoloxía access-grid.Industria achegará 80.000 euros para engadir estas actuacións ás recollidas no convenio asinado no 2005 co CESGA.
Entre as medidas que se porán en marcha, figuran a participación en eventos para a promoción do software libre, ou a tradución á nosa lingua de softwares de xestión (un programa de contabilidade, outro de facturación, un Terminal Punto de Venda e un Enterprise Resource Planning).
Ademais, celebraranse xuntanzas para o apoio á difusión, en que se reunirá un grupo reducido de empresas do sector arredor dunha temática concreta, para compartiren coñecemento e experiencias. Como resultado desas reunións crearase unha guía titulada Aprende a liberar, que informe sobre que licenzas usar, que pasos dar, onde liberar ou as implicacións legais á hora de usar códigos de terceiros.
Cidades dixitais
Outra addenda que autorizou o Consello da Xunta é a que se engadirá ao convenio de colaboración entre o Ministerio de Industria e a Consellaría, a través da Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, para o desenvolvemento do programa Cidades Dixitais en Galiza, enmarcado no Plan Avanza.
Cidades Dixitais contará cun investimento global, en 2007 e 2008, de 2.540.490 euros, dos cales o Ministerio achegará o 50% e Xunta e as Administracións locais o 25% cada unha. Industria realizará unha convocatoria pública á cal poderán acudir, en réxime de concorrencia competitiva, cidades ou entidades locais. As súas propostas serán avaliadas por unha comisión paritaria formada polo Ministerio de Industria e a Xunta.
Formación de dinamizadores.
Industria, ademais, convocará 36 bolsas para a formación de dinamizadores da sociedade da información en Galicia. Teñen como fin o desenvolvemento de estudos e prácticas que doten ás persoas seleccionadas da formación precisa para propiciar o achegamento da cidadanía ás novas tecnoloxías. A Xunta achegará 327.600 euros.
O obxectivo é fomentar o uso das novas tecnoloxías en todos os ámbitos da poboación, entendendo a necesidade de darlle prioridade o desenvolvemento da sociedade da información para rematar coa chamada fenda dixital. O desenvolvemento harmónico en todos
os sectores, a alfabetización dixital de toda a poboación e chegar nos próximos anos aos niveis das comunidades máis avanzadas son as metas desta iniciativa.