Despois dunha intensa fin de semana no Campionato Europeo, dende Deporte valoran moi positivamente o nivel das pistas de Pontillón do Castro e dos deportistas galegos, que cumpriron a nivel internacional.
As novas instalacións de Verducido, as do Pontillón do Castro, estreadas a nivel internacional esta fin de semana durante o Campionato Europeo de Piragüismo en Augas Tranquilas, sacaron un sobresaínte no exame ao que foron sometidas por ducias de piragüistas de elite.
Segundo Deporte, as novas instalacións do piragüismo galego cumpriron á perfección o papel que lles foi asignado: servir de punto de encontro para o piragüismo de elite e funcionar como adhesión do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra, servindo como lugar de adestramento para os palistas galegos actuais e futuros.
As instalacións estaban a exame, mais pasárono con nota e, segundo din dende Deporte, os comentarios da meirande parte dos deportistas foron moi positivos, dadas as instalacións de grande nivel nas que competiron das que "se pode presumir".
O alto rendemento dos palistas galegos quedou patente en Verducido
Por outro lado, a secretaria xeral para o Deporte, Marta Souto, dixo estar moi orgullosa do nivel amosado polas e polos palistas galegos durante o Europeo, xa que todos deron un rendemento moi alto e, de feito, as dúas medallas que conseguíu a selección estatal foron para o cangués David Cal (dous bronces).
Teresa Portela, Carlos Pérez Rial, Jovino González, Xosé Luís Bouza, David Mascato, Alfredo Bea e Sonia Molanes amosaron do que son capaces os palistas galegos, meténdose, moitos deles, nas semifinais, mais sen sorte para as medallas. A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo e a propia Marta Souto felicitaron os galegos e as galegas e desexáronlles sorte para o Mundial, onde de verdade se deciden as prazas para os Xogos Olímpicos de Pekín 2008.
Son instalacións tanto de presente coma de futuro
As de Verducido serán as instalacións de referencia no piragüismo galego, e tamén a nivel estatal e internacional. De feito esta fin de semana vaise celebrar un Campionato Estatal de categoría cadete, e, segundo informan dende Deporte, as prazas hoteleiras están case completas, como aconteceu no Europeo, o que pon de manifesto o positiva que é a pista de Pontillón do Castro para Pontevedra e para Galiza.
As instalacións están abertas a calquera celebración de campionatos a nivale estatal e internacional que se poida programar no futuro, pero como aseguran dende Deporte, sempre que "sexa compatible cos adestramentos dos nosos deportistas".