Vira a tendencia e electoral e volve aparecer o Partido Laborista por diante dos conservadores. Con todo, os tories pídenlle a Brown que convoque eleccións.
Desde hai case un ano, os conservadores británicos aparecían á fronte das sondaxes realizadas no Reino Unido sobre as preferencias electorais dos cidadáns. A última cita coas urnas, nos comicios locais, amosou a erosión do Partido Laborista no treito final do mandato de Tony Blair. Á beira, a aposta actual dos tories para o liderado do partido, David Cameron, parecía estar consolidando unha actividade opositora exitosa fronte ao executivo Blair.
A tendencia virou ás portas do relevo no Partido Laborista, a pasada fin de semana. Brown asumirá o cargo de primeiro ministro este mércores despois da dimisión de Tony Blair, cos electores outra vez favorábeis á súa formación política. Así, a última enquisa de Ipsos sinala que un 39% dos cidadáns votarían o laborismo e un 36% os conservadores. Respecto á opinión sobre os líderes, un 40% di preferir a Brown fronte ao 22% que cre que Cameron sería mellor primeiro ministro. Malia esta tendencia, David Cameron insistía esta semana en que Brown "debe convocar eleccións lexislativas inmediatamente". De non haber adianto, esa votación non se produciría até 2009.