O conselleiro de Medio Ambiente xustifica que se lle dea licenza a explotación mineira da Campa, que estaba en situación ilegal.
O conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, destacou este martes que a explotación mineira do Courel á que outorgou licenza a Xunta a pasada semana "non está na Rede Natura", polo que advertiu de que "non hai que mesturar iso co Parque Natural".
Ante as críticas de grupos ecoloxistas -tal como ADEGA, SOS-Courel ou Verdegaia- pola regularización da situación da explotación da empresa Cupire-Padesa -que até o de agora actuaba en situación irregular-, Vázquez explicou que a mina da Campa está fóra dos 40.000 quilómetros cadrados do parque do Courel, situada no núcleo de Folgoso de Courel, onde dá traballo a 90 persoas.
Nese senso, o conselleiro lembrou a importancia económica das explotacións mineiras en Galiza, especialmente as louseiras, malia produciren "unha enorme deterioración ambiental". Segundo el, coa regularización da situación da Campa, poderanse establecer fórmulas de recuperación dos terreos deteriorados.
Problemas similares en todo o país
"Eu tamén preferiría que non houbese nada", recoñeceu o titular de Medio Ambiente, que pediulles aos críticos que sexan "realistas co que pasa en Galiza" e non se cingan ao Courel, xa que o Macizo Central ourensán conta "cun número grande de explotacións mineiras, sobre todo louseiras", que só na zona do Barco danlles traballo a 8.000 persoas.
Consultado acerca de por que a Xunta outorga licenza a unha explotación mineira que estaba en situación ilegal e que produce deterioración nunha zona como O Courel, o responsábel de Medio Ambiente foi contundente e comparouno cos problemas de depuración en Vigo. "Toda a cidade verte directamente augas residuais á ría e non pechamos a cidade", sentenciou.
Labores de recuperación
Nesa liña, Manuel Vázquez indicou que O Courel "é unha minúscula parte do que pasa en Galiza", e asegurou que "a maior parte das louseiras están en situación de alegalidade". Ademais, sinalou que o Goberno traballa en fórmulas para solucionar o deterioro ambiental que provocan.
Neste senso, lembrou que dende 1999 existe un plan para todas as louseiras do país para a restauración dunha parte da deterioración que producen. Para este fin, o Ministerio de Medio Ambiente español achega o 70% do orzamento, as empresas un 20%, a Consellaría de Industria un 5% e a de Medio Ambiente o 5% restante.