Pereiro falou cos medios mentres rodaba en Vigo unha publicidade da 'Vuelta 2007'. A un ano xusto da súa chamada "virtual vitoria" no Tour, o galego volve "tranquilo" a Francia.
O ciclista de Mos, que é chamado en todos os medios "o virtual gañador do tour", volve un ano máis á rolda francesa, sen saber aínda se algún día lle concederán aquela camisola amarela do 2006.
Aínda non se coñecen as conclusión do xuízo pola posíbel dopaxe do ciclista estadounidense Floyd Landis, o vencedor do Tour de 2006. De confirmarse o positivo por testosterona, Landis perdería o título, e o dereito a gañalo e a competir en dous anos, pasando daquela, a mans do galego.
Pero as cousas continúan igual, e Pereiro confesou na quinta feira, en Vigo, que non sinte a suposta "presión popular" e que vai ao Tour "moi tranquilo", coa "mesma responsabilidade de todos os anos".
Óscar Pereiro, que tamén afirmou estar en moi boa forma, chega á proba francesa –que comezará o vindeiro 7 de xullo en Londres- nun moi bo momento, "mellor quizás que o ano pasado".
O galego terminou a súa comparecencia evitando facer ningún comentario sobre a carta que a UCI pretende facer asinar a todos os participantes no vindeiro Tour na que aseguren non estar a se dopar.