Culpou das diferenzas cos nacionalistas "ás loitas internas entre Esquerda Nacionalista e os duros da UPG", e a que non asumiron os resultados.
O alcalde de Lugo, Xosé Clemente López Orozco (PSdeG), advertiulle este domingo ao BNG que, ante as negociacións que manteñen abertas ambas as dúas formacións, "non se pode nadar contra corrente" e non descartou buscar apoios tamén no PPdeG.
Nunha entrevista en RNE, Orozco subliñou que, para gobernar, "ten que haber diálogo" porque en política "ninguén ten a verdade absoluta, nin tan sequera os do Bloque", sinalou. "Agora necesito de apoios do BNG, ou do PPdeG, para gobernar", precisou.
"Problemas internos" do BNG
Neste senso, responsabilizou das diferenzas que existen entre socialistas e nacionalistas aos "problemas internos" que padece o BNG na cidade. "Invito a ler os xornais sobre os problemas que hai entre Esquerda Nacionalista e os duros da UPG. Como se explica que quedemos en vernos e logo cando vai haber a reunión o pobre home diga que non?", dixo en alusión a Xosé Anxo Lage, candidato do BNG.
Desta forma, achacou a postura dos nacionalistas a que "nunca asumiron" os resultados do 2003, cando o PSdeG obtivo maioría absoluta despois de gobernar en coalición co BNG, porque "cren que lles roubamos o traballo que fixeron no goberno local". "Entón, por que non gañaron en Ferrol ou en Vigo, onde gobernaron, ou en Pontevedra non sacaron maioría absoluta?", preguntouse.
"Agora pensan que con catro concelleiros gañaron as eleccións en Lugo. Iso é non saber matemáticas", precisou.
Contar co PPdeG
Así, subliñou que está disposto a pactar, mais advertiu que as "condicións aritméticas" tras o 27 de maio "non son as mesmas" que en 1999. "Agora nós contamos con 12 concelleiros, fronte aos catro do BNG, e os nove do PPdeG, que tampouco se poden desprezar".
Sobre os resultados do 27 de maio, que supuxeron a perda de 5.000 votos para o PSdeG, Orozco precisou que se debeu á abstención e a que a súa formación era obxecto do "pin, pan, pun" de populares e nacionalistas. No entanto, asegurou que xa asumiu os resultados, e aposta por "mirar para adiante", aínda que recoñeceu que tivo un relativo desgusto. "Eu esperaba máis", concluíu.