Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Municipais07

Xestionado por Vieiros
RSS de Municipais07
Ante unha posíbel vicealcaldía nacionalista

O alcalde de Lugo afirma que nunca será un "estorbo" para o seu partido

Orozco advirte de que "por nada do mundo" aceptará "bicefalias" co BNG, e avoga por se cinguir aos resultados.

Redacción - 17:40 05/06/2007
Orozco, no centro, tras coñecer os resultados electorais, en Lugo o pasado 27 de maio

Orozco, no centro, tras coñecer os resultados electorais, en Lugo o pasado 27 de maio

O alcalde electo de Lugo, o socialista Xosé Clemente López Orozco, advertiu esta terza de que "por nada do mundo" aceptará "bicefalias", "vicealcaldías" ou "a proporción simétrica á que aspira o BNG".

Orozco facía referencia con estas declaracións aos pactos postelectorais que negocian as direccións de ambos os dous partidos, BNG e PSdeG, para formaren coalicións de goberno nos concellos onde o 27 de maio non deixou maiorías absolutas. O alcalde lucense avogou por que nos gobernos locais "quede clara a representación" obtida por cada forza.

"Cada un ten a súa representación e iso é algo que ten que quedar claro", incidiu, tras o que declarou que "se se chega a acordos en Santiago non haberá ningún inconveniente en facelo" en Lugo, mais "coa representatividade que outorgou o pobo de Lugo".

Contar co PPdeG

Orozco dixo estar á espera de que chegue "o ansiado acordo" en Compostela para que poidan ter lugar as negociacións nas localidades. "Neste senso teño plena confianza nos negociadores do meu partido", sinalou.

Con todo, o primeiro edil defendeu o protagonismo que na corporación debe ter o PPdeG, con nove concelleiros, polos catro do BNG. "É un partido que para acordos puntuais, cando menos, cómpre escoitalo" aseverou, e incidiu en que o pobo de Lugo "deixara claro" tras o 27 de maio que non quere gobernos paritarios.

Hipotética dimisión

Así, malia admitir o "ben que xestiona bipartito autonómico", subliñou que "unha cousa é a Xunta e outra o Concello de Lugo", aínda que garantiu que nunca será un "estorbo". "Nunca farei nada en contra do meu partido", declarou, tras o que, preguntado por se esta postura significa que estaría disposto a dimitir, pediu que non se lle obrigase a ter que se pór nese suposto.


2,33/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: