O ministro de Interior, Alfredo Pérez Rubalcaba, tamén critica que o PP teime en que a ETA marque a axenda política.
Rubalcaba reprochou as insinuacións sobre un posíbel adianto das eleccións xerais. En entrevista na Cadena Ser, laiouse de que "agora vexamos a oposición pedíndolle responsabilidades ao goberno polo que fai a ETA". "Iso é algo insólito", queixouse o ministro. "Convencerámonos de que a ETA non marcaba a axenda e agora hai quen pide eleccións anticipadas", criticou.
Por outra parte, Rubalcaba asegurou que "De Juana non vai ser trasladado ao seu domicilio calquera que sexa o ditame médico que proporcionen os equipos que están traballando neste momento". Ao ministerio correspóndelle tomar a decisión sobre a avaliación realizada esta semana respecto á saúde de Iñaki De Juana por doutores da Dirección Xeral de Institucións Penitenciarias.