O voceiro do PP en Euscadi, Leopoldo Barreda, subliñou que o seu partido xa cualificara de "propaganda" o anuncio de cesamento de fogo que en 2006 realizara a ETA.
Barreda solicitou que o goberno español faga "unha profunda rectificación" e asegurou que o executivo de Zapatero debe dar "moitas explicacións". Ao respecto, o voceiro do PP vasco insistiu en que debe reunirse "o pacto polas liberdades" e recuperar o contacto a través desa vía entre os partidos coa "vontade de derrotar os terroristas". Barreda pediu a ilegalización de ANV, manter as acusacións contra Otegi e a volta de Iñaki De Juana Chaos ao cárcere.
"É evidente que a banda terrorista non está disposta a disolverse e que a sociedade democrática debe amosar a súa determinación de acabar definitivamente con ela en todas as súas expresións e con todos os instrumentos", afirmou Leopoldo Barreda.
"En ningún momento estiveron dispostos a impoñerse pola forza á sociedade democrática e nunca estiveron dispostos ao cesamento da súa actividade", dixo Barreda, para quen o anuncio deste martes "non é máis que un novo anuncio propagandístico".