Coa escusa dunha operación contra membros dunha presunta guerrilla curda, Turquía despregou unha breve ofensiva dentro de territorio iraquí.
O presidente da rexión iraquí do Curdistán, Masoud Barzani, declarou este domingo que o acontecido de momento non se considera unha "invasión" do exército turco en terras curdas de Iraq. Do mesmo xeito, o presidente iraquí, Ialal Talabani, de orixe curda, chamou a Turquía a non meterse "en asuntos alleos", mentres o primeiro ministro, Nuri al-Maliki, reprocháballe aos turcos que botasen man de "ameazas".
Hai poucas semanas que o propio xefe do Estado Maior turco, o xeneral Iasar Buyukanit, pedira unha "decisión política" que axilizase o permiso para unha "operación transfronteiriza" no Curdistán. Buyukanit considera que os grupos guerrilleiros curdos gozan de "gran liberdade de movementos" na zona.
A belixerancia de Turquía ten que ver coas reivindicacións dos curdos que repreme dentro das súas propias fronteiras, á que se engade agora o temor do goberno de Ankara polo estabelecemento da rexión autónoma curda ao norte de Iraq. Desde o goberno estadounidense criticaron nas últimas horas as operacións de envío de tropas á zona autorizadas polo executivo turco.