O BNG quere que o executivo español investigue a fondo a posíbel participación da Armada nos feitos acontecidos en Fisterra.
O galeón está afundido na praia do Sardiñeiro
Francisco Rodríguez, deputado do BNG no Congreso dos Deputados, presentou un escrito interesándose polas medidas que pensa tomar o Ministerio de Defensa logo do espolio dun galeón do século XVI en Fisterra. O parlamentario toma esta decisión despois de que a Consellaría de Cultura decidise investigar o saqueo. Os testemuños de mariscadores da zona apuntan a que mergulladores da Armada española puideron ser os responsábeis dos feitos xa que os viron traballar na praia do Sardiñeiro, onde está afundido o barco. Porén, dende este corpo militar recoñecen que estiveron na zona pero negan calquera implicación.
Rodríguez quere saber se o goberno español vai abrir unha investigación e que responsabilidades pensa esixir. Técnicos da Xunta comprobaron esta semana que desapareceron oito lingotes de chumbo e parte da estrutura dun canon. Dende Cultura xa anunciaron a apertura dun expediente sancionador e unha posíbel demanda xudicial por apropiación indebida.