As obras da nova instalación comezaron antes de finalizar o período de alegacións, sen a aprobación definitiva do goberno municipal.
A Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza, Adega, denunciou esta corta as numerosas irregularidades da tramitación da nova depuradora de San Antoniño, capital do municipio de Barro (Pontevedra). Segundo sinalan, a máis evidente é que as obras do complexo comezaron antes do período de alegacións, é dicir, antes de que fose aprobado polo concello.
"O proceso de alegacións e exposición pública está viciado dende o seu comezo, debido a que as obras da depuradora empezaron antes de que fosen aprobadas". Para Adega, este feito revela unha forma de actuar "caciquil" por parte do concello, e "contraria ao interese público". "Implica que a concesión da obra foi feita asegurando quen ía ser o concesionario, e supón unha fraude para as outras empresas que aspiraban a construír esta depuradora", sinalan.
Capacidade insuficiente
Ademais, denuncian que a depuradora está construída para tratar a augas residuais de 500 habitantes, "cifra a priori insuficiente" para atender poboación conectada actualmente á rede de saneamento e ás máis de 500 vivendas que se prevén edificar proximamente.
"O Concello de Barro, con claro afán de lucro, está condenando o río que o rodea a estar contaminado durante os vindeiros anos, simplemente para recadar os ingresos das licenzas urbanísticas", afirman desde Adega.
O concello pola súa banda defende a súa postura amparándose nun informe do técnico municipal, no que se afirma que o servizo de saneamento queda garantido. Adega xa anunciou que "ante as abafantes probas que amosan a insuficiencia do proxecto" vai expor o caso aos distintos organismos da Xunta competentes neste asunto, á espera de recibir o informe do técnico municipal, xa solicitado.