O Breogán foi o gran vencedor da xornada, por diante do Kayak Tudense e do Ría de Aldán.
O embalse de Castrelo de Miño acolleu esta fin de semana unha nova regata da liga estatal de piragüismo en augas tranquilas. En canoa foi o campión olímpico David Cal o protagonista. O galego superou desde os primeiros metros do trazado os seus adversarios cunha espectacular comodidade. Alfredo Bea e Xosé Luís Bouza foron segundo e terceiro respectivamente.
No K-1 feminino Teresa Portela volveu amosar a súa superioridade aínda que con máis dificultades das agardadas. Sonia Molanes foi segunda mentres que a internacional Kana Smidakova ocupou a terceira posición do podio.
Por parellas, Carlos Pérez e Jaime Acuña acadaron o ouro en K2. Pola súa parte, o dúo Bea Mascato acadou un novo éxito ao conseguir o triunfo na categoría C-2.