O Club Breogán acadou a súa primeira vitoria do ano na segunda regata estatal de 1.000 metros, proba puntuábel da liga de augas tranquilas.
Malia que na xornada clasificatoria do sábado déronse algunhas sorpresas, finalmente os principais favoritos non fallaron na súa cita co medalleiro na regata celebrada esta fin de semana no municipio lugués de Taboada.
David Cal acadou o triunfo no C-1 sénior a pesares de realizar unha mala saída e logo de lograr a clasificación para a final no último momento. Alfredo Bea dominou o primeiro treito da proba pero foi superado na liña de meta por Cal e po José Luis Bouza.
Na final feminina Teresa Portela acadou a vitoria con comodidade. Só Jana Smidakova puxo un pouco de resistencia ao dominio da palista do Ría de Aldán Hermanos Gandón.
Pola súa parte, Bea e Mascato obtiveron o ouro na final de C-2, mesmo premio que o acadado pola parella formada pola galega Sonia Molanes e a estremeña Verónica Moreno no K-2.