Dálle validez a corenta permisos de construción, malia a prohibición decretada por Política Territorial, acolléndose a unha cláusula da lexislación.
A Xunta de Goberno do Concello de Foz (A Mariña Central) acordou este luns, nunha sesión extraordinaria, a validación de 40 licenzas para construír 1.350 vivendas. A Consellería de Política Territorial interesárase pola súa nulidade en datas recentes.
O alcalde focense, o socialista Xosé María García Rivera, fixo este anuncio en conferencia de prensa logo da xuntanza.
A Xunta de Goberno outorgou as licenzas o 29 de marzo de 2006, infrinxindo, segundo Política Territorial, o ordenamento xurídico ao se aprobaren días despois dun pleno en que se decretara a suspensión de permisos neste municipio.
O Concello de Foz nunca chegou a decretar a nulidade, xa que logo, a Xunta anunciou a pasada semana a presentación dun recurso contencioso administrativo.
"Emendaren os vicios de que adoezan"
Unha vez concluído o prazo de suspensión de licenzas, a Xunta de Goberno de Foz acaba de decidir acollerse á figura xurídica da "validación". O articulado que regulamenta esta forma xurídica especifica que se poderán convalidar todos os actos anulábeis "ao emendaren os vicios de que adoezan", producindo efecto dende a data da resolución.
Rivera tamén acompañou un informe favorábel do secretario municipal cara á figura da validación e outro máis emitido por unha consultoría xurídica de Santiago de Compostela, redactado nos mesmos termos.
O rexedor de Foz entende que, deste xeito, as licenzas obxecto da polémica gozan de "garantía xurídica". "Non sei se isto será suficiente para a Xunta, pero o que está claro é que é legal", declarou Rivera.
Aprobación do PXOM o 26 de abril
Asemade, deixou claro que non se concederán máis permisos, e anunciou a convocatoria dun pleno para o 26 de abril no que se procederá á aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Foz.
"É un plan respectuoso coa lexislación, co medio e no que non se inclúe ningunha urbanización. Está feito a conciencia, recolle toda a normativa e sacámolo antes das eleccións", concluíu o alcalde focense.