No proxecto participan Cultura, Adrave, a Universidade do Minho e a Câmara Municipal de Monção.
Cividade de Terroso (Póvoa de Varzim) / Foto: PedroPVZ
Pouco menos de dous meses despois da publicación dunha guía sobre os castros de Galiza e do norte de Portugal, a mesma información xa se pode consultar na rede. En Castrenor.com está dispoñíbel información sobre os xacementos visitábeis ás dúas beiras do Miño e que formaron parte da mesma cultura, a castrexa.
A páxina de internet ofrece información dos principais castros de todo o país e dos distritos portugueses de Viana do Castelo, Braga, Porto e Vila Real. Tamén se editou un catálogo en papel e en formato dixital que está a disposición do público na web da consellaría.
A iniciativa pertence ao proxecto europeo Castrenor, e nela participan a Consellería de Cultura e Deporte, a Adrave, a Universidade do Minho e a Câmara Municipal de Monção. Está financiado con fondos do programa europeo Interreg IIIA e pretende promover o coñecemento do patrimonio cultural común aos dous lados da raia.