A Consellería de Cultura e Deporte publicou a Guía de castros de Galiza e noroeste de Portugal, a primeira que abrangue construcións das dúas beiras do Miño. A publicación xa advirte de que non pretende ser máis completa cás que xa existen, senón amosar a unidade cultural do territorio castrexo hai dous mil anos por riba das actuais fronteiras administrativas.
Na guía aparecen datos e imaxes dos 45 castros máis senlleiros e mellor conservados: 5 da Coruña, 5 de Lugo, 4 de Ourense, 6 de Pontevedra, 8 de Viana, 8 de Braga, 6 do Porto e 3 de Vila Real. Publicáronse 750 exemplares do libro, de 98 páxinas, que tamén se pode descargar libremente da web da consellaría en formato PDF, en galego ou en inglés.
O traballo forma parte do proxecto Castrenor, no que participan a Xunta, Adrave, a Universidade do Minho e a cámara municipal de Monção, e que ten como obxectivo promover o coñecemento dos elementos comúns da cultura castrexa entre Galiza e Portugal e fomentar o seu desenvolvemento turístico. Estivo financiado polo programa europeo Interreg IIIA ao que se sumou a Consellería de Cultura a través da súa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.