A asociación reclama que os funcionarios de Xustiza, da Xunta e dos concellos empreguen o idioma galego.
Carlos Callón, presidente da Mesa
No referente á Xustiza, o presidente da Mesa, Carlos Callón, pediulle ao secretario xeral da consellaría, Santiago Roura, que cree gabinetes lingüísticos nas sete cidades este ano e que poña os medios necesarios para garantir que os letrados da Xunta cumpran co seu deber de empregaren o galego nos procedementos.
Así mesmo, Callón solicitou que se distribúa un programa informático cos modelos normalizados dos trámites procesuais na nosa lingua e que se impulse o seu coñecemento por parte do funcionariado de Xustiza.
Outros dos aspectos que se trataron na entrevista entre os dous organismos foi a situación da lingua na administración. O presidente da Mesa instou á promoción dunha Lei de galeguización nese eido e que se actualice a 5/88 de uso do galego como lingua oficial polas entidades locais.
Así mesmo, reclamou que Presidencia lle poña fin “á súa folga de brazos caídos” en relación ao caso do Concello da Coruña, ao que “incivicamente lle consinte incumprir a Lei de Normalización Lingüística e o Estatuto de Autonomía”.