Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
SINALA QUE O NOVO DECRETO DO ENSINO DÉBESE EN BOA PARTE AO ESTUDANTADO

A Mesa promove a actualización da Lei de uso do galego na Administración local

A Mesa Pola Normalización Lingüística presentou este venres a campaña para a galeguización da Administración local. Carlos Callón, presidente da asociación, sinalou que o novo decreto do ensino é un alicerce para que as medidas contempladas no Plan Xeral de Normalización Lingüística, traian tamén consigo unha actualización lexislativa no uso do galego en concellos e deputacións. Ademais, houbo unha mención especial para o estudantado que se mobilizou a prol da consecución da norma recentemente aprobada.

- 18:02 23/02/2007
Tags:

Callón manifestou que "xa que por fin as medidas contempladas no Plan Xeral de Normalización Lingüística no eido do ensino van ter concreción legal", en referencia ao novo decreto do ensino en galego, "agora traballaremos para que se actualice a lexislación do uso do galego na administración local". Para isto, vanse solicitar reunións cos representantes dos tres grupos parlamentarios e cos candidatos á alcaldía nas principais vilas e cidades galegas, de cara ás vindeiras eleccións municipais.

Entre as medidas que se reclaman salientan o emprego da toponimia oficial e a implantación das medidas incluídas no Plan Xeral de Normalización Lingüística, aprobado unanimemente polo Parlamento no 2004. Ademais solicitase que os pregos de condicións e concursos estean en galego, e que esta sexa a lingua xeral de referencia oral e escrita.

Formación do funcionariado
Tamén se incidirá no seu uso en actos e relacións xurídicas e notariais documentadas e orais; e na constatación do aumento do galego nas empresas con contratos e axudas públicas. En canto ao funcionariado, segundo a Mesa, deberase de garantir a súa competencia lingüística e recibir cursos de formación.

Francisco Rei, responsábel nacional da Mocidade pola Normalización Lingüística, deu os parabéns a todo o estudantado que se mobilizou ao longo deste curso a prol do ensino en galego pola consecución do novo decreto, que a Mesa considera "un bo punto de partida". Carlos Callón agradeceu o esforzo de todos os grupos para chegar a un punto de consenso, e fixo unha especial mención á conselleira, Laura Sánchez Piñón, por "levar persoalmente as rendas da negociación".

Cursos de galego para adultos
Por outra banda, a Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca un total de 200 cursos de lingua galega oral, de iniciación e perfeccionamento, con carácter gratuíto, no país, e vinte fóra. Os cursos terán unha duración de 75 horas, 60 delas lectivas e 15 de tratamento individualizado.

Todos eles incluirán un módulo de contorno sociocultural, no que se coidará especialmente a dinamización lingüística, e no que se lle dará formación ao alumnado sobre as circunstancias sociolingüísticas do galego e sobre os seus dereitos lingüísticos.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística dispón dunha partida orzamentaria para o financiamento destas actividades formativas de 756.000 euros.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: