Ecoloxistas ás dúas beiras do Atlántico colaboran nun certame fotográfico sobre medio ambiente convocado para alertar contra as agresións das celulosas.
"A túa foto defende a vida!". É lema do concurso organizado na cidade arxentina de Gualeguaychú. Forma parte da ampla lista de actividades que na zona veñen xurdindo contra a instalación das fábricas de papel que Ence e Botnia proxectan desde hai anos na ribeira local, aínda que do lado uruguaio.
Para amplificar o alcance da reivindicación, os organizadores queren que o certame teña carácter internacional e una as voces de veciños doutros recantos do planeta onde se teimou coa instalación de celulosas en áreas naturais privilexiadas. É por iso que o convite a participar chegou até Galiza, desde onde a Federación Ecoloxista de Galicia e a Asociación Pola Defensa da Ría animan a unirse á idea.
Entre o xurado estarán dous galegos. Por un lado, Antón Masa, biólogo e investigador do Centro Superior de Investigacións Científicas, e presidente da Asociación Pola Defensa da Ría. Na categoría onde se convida a participar a profesionais foi convidado a estar no xurado o vigués Manuel Sendón, profesor de fotografía da Facultade de Belas Artes de Pontevedra e director do Grupo de Fotografía da Universidade de Vigo.
As fotos pódense enviar a través de internet, e o prazo de recepción remata o 20 de abril.