Un informe da Confederación de Empresarios de Ferrol, Eume e Ortegal subliña as oportunidades que abriría a privatización de terreos de Navantia-Fene.
"É só unha decisión política", laiouse Víctor Sixto Sanjosé, representante da consultora que realizou para a confederación de empresarios de Ferrolterra, CEFEOR, o estudo presentado este mércores na sede da Fundación Caixa Galicia na cidade. "Ferrol sabe e pode construír barcos", destacou Anxo García, presidente da Cefeor.
Sixto insistiu en que "diga o que diga Bruxelas" se o goberno español tivese vontade de favorecer o proxecto, unha empresa privada podería construír barcos civís nos predios de Navantia-Fene. Segundo o estudo realizado, a operación agora mesmo bloqueada está freando a creación de até 2.400 postos de traballo, directos e indirectos.
O informe considera que coas limitacións actuais, en menos de dez anos o estaleiro quedará sen traballadores e o sector sen posibilidades de recuperación. A solución pasa polo cambio de posición en Madrid para que os activos non utilizados, "o 95% dos terreos actuais" poidan servir para o relanzamento do naval ferrolán a través da construción civil. A análise inclúe a avaliación da perda de postos nos estaleiros públicos da ría que nas últimas décadas sumou a fuxida de 12 mil empregos directos e 16 mil de industrias auxiliares.