Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Queren que se recupere o proxecto para Navantia

Mancomunidade e empresarios critican a "inconcreción" do plan da Xunta para Ferrolterra

A Confederación de Empresarios de Ferrol di que o Proxecto de Desenvolvemento Integral de Ferrol, Eume e Ortegal "quedou moi curto" e opinan que "carece de concrecións".

Redacción/EP - 09:00 14/03/2007
Piden que Navantia Fene manteña toda a súa capacidade produtiva "intacta "

Piden que Navantia Fene manteña toda a súa capacidade produtiva "intacta "

"Os ferroláns estamos cansos de que nos conten plans que nunca se cumpren e esiximos medidas detalladas e liñas concretas, con nomes e apelidos", opinou este martes o presidente da Confederación de Empresarios de Ferrol, CEF, Alexadre Langtry.

Por outra parte, criticou o elevado gasto da propia elaboración do proxecto, 300 mil euros aboados pola Xunta á consultora Boston Consulting Group, e pediu que o executivo faga pública "unha copia do estudo completo". "O presentado non debe ser unha proposta política do PSOE, porque os 300 mil euros pagámolos todos os galegos", dixo.
Con todo, na beira positiva destacou o anuncio da creación dunha oficina xestora e dixo ser optimista sobre a resposta da Xunta á petición para que se presenten orzamentos concretos e o goberno sexa receptivo á colaboración no seu desenvolvemento.

Tamén críticos co plan se amosaron desde a Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal, CEFEOR. En declaracións a Europa Press, o seu presidente, Ángel García, cualificou o plan de "estratexia política do goberno español do PSOE apoiada polo presidente da SEPI".

Doutra banda, a Mancomunidade de municipios de Ferrolterra votou rexeitar o Plan, insistindo tamén en que Navantia Fene "manteña toda a súa capacidade produtiva intacta e se dedique á construción civil". Na xuntanza participaron representantes de Ares, Mugardos, Ferrol, Fene e Neda, e non acudiron os de Narón e Valdoviño. Só o rexedor socialista de Neda, Carlos Pita, votou en contra da declaración institucional.

O BNG local rexeita o plan
 Ás críticas uniuse este martes o BNG de Ferrolterra, que insistiu na necesidade de recuperar o proxecto de Barreras para Navantia Fene. Manuel López Foxo, responsábel comarcal do Bloque, laiouse de que o documento presentado pola Xunta "certifica a morte do estaleiro de Fene para a industria naval".

Foxo reprochoulle ao goberno que cualifique de "integral" un plan que na práctica "dálle as costas á recuperación do sector naval da bisbarra e só supón a suma de proxectos anteriores presentados por outras administracións".

Sobre a posición do BNG local pronunciouse a dirección do PPdeG, opinando que constitúe "un torpedo ao goberno bipartito" e pedindo que a executiva do Bloque faga público "un posicionamento claro" sobre o proxecto.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: