Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
AS CLAVES: ECONOMÍA

Astano: a polémica privatización

Dicía o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, o pasado 22 de xaneiro trala presentación do plan para Astano, que o seu departamento tiña pactado con Barreras o que era “o mellor plan de futuro para Ferrol”. El mesmo dera conta dos avais financeiros que contribúen a facelo viábel: tanto Caixa Galicia como Caixanova teñen adquirido ese compromiso. A este plan opóñense frontalmente a SEPI e os sindicatos asinantes dos acordos de reconversión de 2004. Un artigo de Ramón Yáñez.

Tempos Novos - 10:51 02/03/2007
Nunhas das mellores instalacións de Europa, fican apenas 300 traballadores de cadro de persoal

Nunhas das mellores instalacións de Europa, fican apenas 300 traballadores de cadro de persoal

Segundo o voceiro da SEPI, a operación “é inviable xa que pode pór en dificultades a actividade de Navantia”, na que se integra a empresa de Fene, que asemade “funciona con plena carga de traballo e ocupación”. “O plan choca cos acordos asinados por Sindicatos e Unión Europea en decembro de 2004”, engadiu.

O plan consiste na recuperación da capacidade ociosa de ASTANO -uns 620.000 metros cadrados dun total de 800.000-, que serían a base para a refundación dun estaleiro de novas construcións con 250-300 empregados directos e 2.000 de empresas auxiliares. Dedicaríase á fabricación de barcos, grandes módulos e plataformas offshore de tamaños que Barreras non pode acometer a día de hoxe nas súas instalacións de Bouzas (Vigo). Non prexudicaría os intereses dos empregados de Navantia en Fene, xa que está previsto que eses traballadores sigan integrados no cadro de persoal de Navantia. O plan, xa que logo, sumaría unha nova instalación produtiva á comarca de Ferrolterra, sen minguar empregos nin dereitos dos traballadores. Entón, ¿por que tanta oposición e tanto balbordo?

Os eidos que na actualidade ocupa Astano, as súas instalacións, son propiedade de todos, non só da SEPI e dos sindicatos. Foron gañados ao mar nunha zona de deslinde terrestre marítimo coa fin de facer un estaleiro con capacidade construtiva xeradora de emprego, non un ermo.

Galiza, especialmente os ferrolterrás, precisan destas instalacións para dar emprego cualificado aos seus fillos. Non poden aceptar unha empresa pantasma, útil para actuar nos mercados con exceso de demanda contrastada para os dez anos vindeiros, practicamente parada. E á que segundo vimos de saber, polas manifestacións do Sr. Martínez Robles, presidente da SEPI, se lle impediu construír barcos civís ata 2015 por un acordo no que a UE impuxera manu militari as súas condicións.

No proceso de discusión da solución final para Izar, uns estaleiros foron situados nun grupo privatizábel -Juliana, Sestao, Sevilla, Manises-, mentres o estaleiro de Fene se integraba na estrutura de Navantia coma estaleiro público. Este grupo adicaríase á construción naval militar coa limitación de que o conxunto de estaleiros do grupo - Bazán, Astano, Cádiz, Puerto Real e Cartaxena- puideran acometer unha carga de obra civil sen superar o 20% da facturación. E só se lle vén concedendo a Astano obras de reparación ao tempo que se asigna a nova honra civil, malia ós seus pésimos resultados, en exclusiva a Puerto Real.

Nos acordos feitos públicos durante este proceso, non se fixo publicidade da prohibición explícita para que o estaleiro de Fene non constrúa barcos civís ata 2015. Abonda para comprobalo con consultar as hemerotecas a finais de 2005. Polo tanto, non está xustificada a sorpresa coa que foi recibida pola SEPI a oferta da Xunta e Barreras. O trato final da reconversión foi ben desigual e ten un certo cheiro vergoñento. Por iso, sen dúbida, foi mantido nun segredo cómplice entre os asinantes. Neste intre, polas declaracións cruzadas entre a SEPI e os Sindicatos non sabemos quen falla á verdade. Non sabemos se os sindicatos asinaron ou non tal acordo.

Nesta altura si sabemos os resultados. Nunhas das mellores instalacións de Europa, fican apenas 300 traballadores de cadro de persoal e uns 1.000 de contratas, facendo só reparacións, sen se utilizar case os 620.000 metros cadrados que necesitaría o proxecto de Barreras para realizar a novas construcións de grandes buques. Estamos tamén nuns momentos históricos para a construción naval mundial polo exceso de demanda, ao parecer sostíbel nos vindeiros anos nos segmentos nos que opera a empresa.

O artigo completo, na edición impresa de TEMPOS Novos (febreiro de 2007, nº 117)


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: