Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Santiago Carrillo estará no acto do venres e dará unha conferencia o xoves

Todo preparado para a homenaxe a Isaac Díaz Pardo

Xa falta menos para a homenaxe que a asociación cultural Fuco Buxán lle vai render o venres 2 de marzo ao intelectual galego Isaac Díaz Pardo. No acto, que comezará ás sete e media da tarde no Teatro Jofre de Ferrol, estará presente o socio de honra da entidade Santiago Carrillo e ex-secretario xeral do Partido Comunista Español. Como entrante, o día anterior dará unha conferencia en Fene.

Redacción - 16:54 01/03/2007

O xoves 1 de marzo, Carrillo falará na Casa da Cultura fenesa, a partir das oito do serán, sobre Unha ollada á política do Estado. Na súa intervención estará acompañado polo candidato socialista á alcaldía do concello, Iván Puentes. Ao final abrirase unha quenda de preguntas para os asistentes.

Pero a Homenaxe Galega a Isaac Díaz Pardo será o venres 2, despois do mes de actividades que lle dedicou a asociación Fuco Buxán. A entrada do homenaxeado ao Teatro Jofre irá ambientada pola música do gaiteiro Víctor Agullo, que interpretará a marcha do antigo reino de Galiza. Deseguido, proxectarase un vídeo documental sobre a traxectoria vital de Díaz Pardo.

Ao longo da noite, sucederanse as intervencións do presidente de Fuco Buxán, Manuel Rodríguez Carballeira; a súa homóloga do comité de empresa do Castro, Celina Fernández Rouco; un representante de UXT Galiza, Carlos Bellas Cebreiro; o secretario xeral de CCOO, Xan María Castro Paz, e mais o director xeral da CRTVG, Benigno Sánchez García.
Os poetas Xosé Leira, Rosa Méndez e Eva Veiga farán, a continuación, un recitado poético, para lles daren paso aos discursos dun representante do Concello de Ferrol; o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias; o da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda; o reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro; o presidente do TXSG, Antonio González Nieto, e o conselleiro da Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu.

Antes da intervención do protagonista da noite, Isaac Díaz Pardo, escoitarase un segundo recital poético a cargo de Laura Landeira, José Viale Moutinho e Rosa Méndez. Pechará o acto público o grupo folc Milladoiro. Ao remate do acto público comezará outro máis íntimo, ás dez da noite na feira de mostras: unha cea homenaxe na que se lle entregará, entre outros agasallos, o libro I. Díaz Pardo. Homenaxe galega, que tamén recibirán o resto dos asistentes e que se pode descargar dende a web de Fuco Buxán.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: