A asociación cultural Fuco Buxán, de Ferrol, renderalle homenaxe ao intelectual Isaac Díaz Pardo durante os meses de febreiro e marzo. Ademais, emprendeu unha campaña de recolleita de sinaturas para conseguir que Díaz Pardo reciba a Medalla ao Mérito no Traballo. Xa acadaron o apoio, entre outros, do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e da conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo.
A entidade quere recoñecerlle a Díaz Pardo o seu amor e xenerosidade con Galiza nunha difícil etapa da historia do noso país, e a súa loita a prol das liberdades democráticas e nacionais. Os actos previstos inclúen unha exposición no centro cultural Torrente Ballester de Ferrol sobre a traxectoria de Isaac Díaz Pardo, ademais dun acto central no teatro Jofre o 2 de marzo, no que participarán destacadas personalidades da cultura e da política galegas, como ademais do propio homenaxeado, e que contará coa actuación do grupo Milladoiro e un recital poético a cargo de Salvador García Bodaño e Eva Veiga, entre outros. Ao final da noite celebrarase unha cea en que se lle entregarán obsequios a Díaz Pardo.
O programa de actividades incluirá tamén dúas mesas redondas: unha o 9 de febreiro, coordinada polo académico Xosé Luís Axeitos, e outra o 23 do mesmo mes, moderada por Euloxio Ruibal. Conta coa colaboración da Xunta de Galicia, as tres universidades, os sindicatos, concellos, empresas, asociacións de todo tipo, medios de comunicación e colexios profesionais.