Pascual Serrano, especialista en temas venzuelanos no xornal Rebelión analisa as intencións da fundación FAES , dirixida polo ex presidente José María Aznar, quen anunciou que entre os seus principais obxectivos para o ano 2006 está o reforzamento da súa presenza e a divulgación das súas teses en América Latina, "rexión atenazada pola explosiva combinación de populismo e indixenismo baixo a sombra da alianza entre Fidel Castro e o venezuelano Hugo Chávez, tándem ao que se uniu o novo presidente boliviano Evo Morales".
O obxectivo sería combater o "caudillismo populista" ante o ano que ven no que se esperan múltiples procesos electorais en América Latina, entre eles o venezuelano.
Para abordar esta cruzada contra o agromar da esquerda en América Latina, a fundación promoveu o pasado ano, 89 encontros con delegacións de outros países, desenvolveu un programa de visitantes de Latinoamérica, formou a dúcias de mozos de Europa do Leste, triplicou os seus actos públicos respecto ao ano 2004, realizou 199 seminarios e editou medio centear de publicacións. Todo iso en coordenación co Partido Popular, cuxo enlace coa FAES é o deputado Jorge Moragas, quen xa tentou entrar en Cuba mediante un visado de turista para se reunir con algúns elementos anticastristas. O presidente do partido, Mariano Rajoy, e José María Aznar xa falaron de "unidade de acción" na súa estratexia de acoso á esquerda latinoamericana. Entre os seus primeiros actos do ano, o pasado 4 de xaneiro, os representantes do Partido Popular negaronse a recibir ao presidente electo de Bolivia, Evo Morales, a quen consideran un elemento indixenista non desexado.
O pasado once de marzo José María Aznar, dende a cidade mexicana de Monterrei xa afirmou que "o risco está hoxe no que se pode chamar novo populismo, movementos que renegan da democracia e teñen un claro tinte antiliberal".
É evidente que o seu proxecto non é alleo á Administración Bush, entre os seus obxectivos recoñeceron a idea de introducir reformas na OTAN. Tratariase de traballar para reactivar o apoio e servidume de Europa a Estados Unidos. Xa, con motivo da investidura do presidente estadounidense, o ex presidente español escribiu no xornal The Wall Street Journal que "ao presidente Bush e á súa Administración correspondelles en gran medida procurar e propoñer solucións" aos problemas do mundo. Tamén acusou daquela aos dirixentes europeos que se desmarcaron da política belicista do presidente estadounidense de meter á OTAN no cárcere.
Nese mesmo artigo, escrito orixinalmente en inglés, José María Aznar defendeu a "forza da disuasión fronte a reximes inestábeis", tras o cal fixo referenza ao "populismo pre ditatorial en América Latina"
Agora, mediante a FAES anunciou a creación do chamado "Indice de Liberdade Económica", co cal se adscribirá a potestade de asignar a cada goberno latinoamericano a cualificación que considere oportuna. Entre os recursos económicos que manexa esta fundación están millonarias subvencións públicas procedentes de administracións rexionais gobernadas polo Partido Popular, empresas e institucións públicas españolas e fondos estatais concedidos baixo a figura de axudas para a "cooperación".
Xurxo Martínez Crespo