Sen pretender aventurarnos en exceso, posto que non son precisamente as ciencias sociais boas ferramentas de predición, o certo é que o modelo Neoliberal que inspirou ás políticas económicas das últimas décadas a nivel internacional ben podería estar en crise.
Ou polo menos iso se desprende non só do momento económico actual senón da opinión de moitos e importantes economistas que nalgúns casos mesmo foron referentes do citado modelo. É o momento entón de buscar paradigmas alternativos, paradigmas que –non sexa que nos pasemos de longo e anunciemos outra vez a fin do mundo as we know it- non van desligarnos do capitalismo nin da economía de mercado.
O remate da II guerra mundial trouxera consigo a instauración dun novo modelo de política económica acruñado como keynesianismo e que, como é ben coñecido, poñía o fincapé no papel do sector público como garantía para o sostemento da demanda efectiva, e con ela do pleno emprego. Nos primeiros anos do século XX e especialmente no período de entreguerras, o libre mercado fallara no que é moi probábel que estea errando hoxendía, no logro dun crecemento económico estábel e sen sobresaltos. Ía ser o sector público quen tería que asumir un papel de suavizador dos altibaixos da economía.
Porén o tempo histórico que nos tocou vivir a nós é ben diferente, por máis que existan paralelismos entre aquela situación e a actual. Naquel entón as políticas keynesianas acompañaron ao proceso de contrución dun modelo de acumulación cunha característica específica: por primeira vez as maiorías sociais (dos países desenvolvidos!) íanse achegando ao consumo masivo. E esta é, xustamente, unha diferenza fundamental coa realidade actual posto que a capacidade de consumo nos países da parte rica do planeta, como o noso, está fortemente desenvolvida. Xa non é posíbel, por tanto, impulsar a demanda efectiva tal e como se fixo na segunda métade do século XX.
Máis que incrementar o consumo necesitamos mudar o tipo de consumo; do mesmo xeito debemos preocuparnos –e moito- de como se produce, máis que de se se produce o suficiente para satisfacer a demanda. Todo o dito nos leva inevitabelmente a inserir de cheo a problemática medioambiental nun novo paradigma de desenvolvemento e de políticas económicas. Posto que unha das leicións que nos deixa a pegada do Neoliberalismo é que o mercado por si mesmo non evoluciona de xeito estábel e ordenado, non é descabelado pensar que sexa de novo o Sector Público, como manifestación da vontade colectiva, quen impulse o cambio de rumbo a partir da súa infuenza sobre a economía. Isto non implica esquecerse doutras leicións aprendidas, neste caso en senso oposto as anteriores, ligados aos excesos públicos tales como deficits descontrolados que afectan negativamente ao investimento privado ou á burocratización das economías.
Mudanzas dende o punto de vista do ingreso público
Existe xa un corpus teórico ben desenvolvido dentro da disciplina da Economía Pública que se centra na chamada “fiscalidade verde” e que implica un cambio nas pautas orzamentarias, dende o punto de vista dos ingresos, do sector público. A fiscalidade medioambiental non só castiga comportamento insostíbeis senón que apuntala a capacidade orzamentaria pública (sen que isto implique necesariamente substituir a figuras clásicas como o IRPF ou Imposto de Sociedades). Os exemplos que xa existen nos países nórdicos deben servirnos como experiencias das que aprender e sobre as que impulsar reformas a nivel internacional. O número de feitos impoñíbeis que actualmente se gravan por parte do sector público relacionados co medio ambiente pode ser, sen lugar a dúbidas, moito maior. Só a modo de (burdo) exemplo, na actualidade existen metodoloxías cada día máis perfeccionadas para calcular a pegada ecolóxica de produtos e actividades, gravar dalgún xeito a pegada ecolóxica (ou similar) podería constituir unha importante innovación no eido das finanzas públicas. Isto axudaría ademáis a mudar as pautas de consumo impulsándose, por exemplo, o consumo de produtos de proximidade menos intensivos en enerxía para o transporte.
Mudanzas dende o punto de vista do gasto público
Dende o punto de vista do gasto o sector público tería que afondar en políticas que xa hoxe se están poñendo en marcha se ben de xeito timorato e desestruturado. Faise necesario establecer programas ambiciosos de investimento público dirixidos á promoción das fontes de enerxía limpa por unha banda e ao aforro enerxético pola outra. En ámbolos dous casos as actuacións podería combinar a actuación pública directa coa subvención e apoio ao sector privado, tal e como xa ven acontecendo. Os ventos son favorábeis ao primeiro destes eidos, dada a crecente carestía das fontes de enerxía tradicionais de orixe fósil se ben os intereses creados ao redor destas últimas poderían lastrar, como o fixeron nos últimos anos, un cambio de rumbo.
No segundo eido fica moito por facer e ás diferentes normativas existentes de recente implementación como o Código Técnico da Edificación e outras desenvolvidas a nivel Europeo, habería que sumarlle –por exemplo- programas ambiciosos de adecuación da infraestrutura pública ao aforro enerxético que constituiría de por si un importante bloque de actuación.
A necesaria escala mundial do cambio
O dito até o momento céntrase fundamentalmente na realidade concreta dos países desenvolvidos, porén, como é facilmente entendíbel, calquera mudanza paradigmática do calado do que estamos a falar debe prantexarse a escada mundial. Non podemos esquecer que un dos principais impulsores das necesidades de cambio de paradigma é o histórico acceso de enormes masas de poboación ao modelo de consumo que nós disfrutamos dende fai tempo. (Alguén podería dicir que o Neoliberalismo morre de éxito, senon fora que o “resto do mundo” é algo máis que China e a India e que as desigualdades internas neses países son brutais). Sen embargo a axenda dos países en desenvolvemento é necesariamente difererente, tal e como nos indica Carlos Eduardo Frickmann (o “keynesiano verde”, como resalta o titular da entrevista a que facemos referencia); “a questão de padrões de consumo é da agenda do norte. A nossa questão é outra: a gente precisa aumentar o nível de renda, aumentar o nível de emprego e conservar. Numa perspectiva do Terceiro Mundo, temos que pensar en crescimento con preservação ambiental”.1
En definitiva, trátase de tirarlle das mans ao libre mercado un xoguete que lle vén moi grande como é o da orde económica internacional e volver a domesticalo para que, aínda que só sexa timidamente, a economía estea ao servizo das persoas e do planeta e non ao revés.
Nado en Outes (1975). Doutorouse en Economía Aplicada na USC logo de ampliar estudos na Universidade de Manchester e na Copenhagen Business School. Na actualidade é profesor no Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela. »