Vieiros

Vieiros de meu (ou rexistrate)
 

Córsega

Córsega
    En 1755 declarouse independente e en 1769 foi anexionada por Francia. Dous séculos despois, coa chegada dos pieds-noirs, o movemento de liberación en Córsega reaxe definitivamente.

O movemento de liberación corso actual remóntase a finais da década de 1950. O pobo maniféstase en masa en contra da creación por parte de Francia dun centro de experimentación nuclear perto da capital histórica, Corti.

A cidadanía rebélase por completo a principios dos 60 ante o que considera unha nova invasión francesa: a chegada dos pieds-noirs (pés negros), colonos galos en Alxeria aos que o Goberno da República financiou a súa "recolocación" na illa logo da independencia alxerina en 1962. Moitos destes fixéronse con adegas e fixeron grandes fortunas froito da produción vinícola.

Historicamente, Córsega estivo baixo o dominio de varias potencias mediterráneas, principalmente dos xenoveses co Renacemento. A rebelión contra o pésimo Goberno de Xénova en 1729 levou a un período turbulento, durante o que se orixinou o concepto de vendetta, que culminou co estabelecemento da República corsa polo líder nacionalista Pasquale Paoli.

Córsega foi anexionada por Francia en 1769, o mesmo ano en que naceu na illa un corso ilustre, para uns, e un traidor á patria, para outros: Napoleón Bonaparte. O que cos anos se convertería en emperador de Francia e o heroe nacional corso coñécense en xullo de 1790.

O primeiro, xacobino, e o segundo, máis próximo ás teses dos xirondinos, rachan relacións en 1793. Bonaparte ten que fuxir de Córsega, e logo dunha breve estancia no continente, desembarca en Aiacciu coa armada republicana francesa co fin de acabar coa revolta dos partisanos de Paoli.

Lingua
O francés impúxose como única lingua oficial en todos os ámbitos da Administración. O corsu sobreviviu como lingua oral e prohibiuse o italiano. Porén, non foi até principios do S.XX, cando se fixo obrigatorio o francés nas escolas, que a lingua propia do país comezou a declinar.

Aínda que o seu uso pouco a pouco se normaliza na educación, na actualidade cada vez menos mozos e mozas teñen o corso como primeira lingua (ou o ligur, en Bonifaziu). Ademais, a tendencia é a usar o francés en ámbitos formais e o idioma propio, na casa e noutras relacións sociais.

O corso está estreitamente emparentado co toscano. Fálase en todo o territorio e mais na illa da Madalena, ao noroeste de Sardeña. Os habitantes de Córsega que non usan o corso son franceses chegados do continente ou pieds-noirs. Os oriúndos do país fálano ou sábeno falar, e o seu uso converteuse nun símbolo de identidade fronte ao colonialismo francés. Continuar lendo: Tralo ronsel de Pasquale Paoli

Datos básicos

  • NOME:
    Corsica
  • XENTILICIO:
    corsu, corsa/corso, corsa
  • SUPERFICIE:
    8.681 km cadrados
  • POBOACIÓN:
    279.000 (2006)
  • REXIÓNS ADMINISTRATIVAS:
    Corsica suprana (Haute-Corse, en fr.) e Corsica suttana (Corse-du-sud, en fr.)
  • CAPITAL:
    Aiacciu (administrativa), Corti (histórica)
  • OUTRAS CIDADES:
    Bastia, Calvi (N.); Portivechju, Sartè (S.)

Política e Economía

  • ESTADO AO QUE PERTENCE:
    República de Francia
  • AUTOGOBERNO:
    Colectividade Territorial (dende 1992; máis autonomía ca Bretaña ou ca Alsacia)
  • ÓRGANOS:
    Consello Executivo, Asemblea e Consello económico, social e cultural (consultivo)
  • PRESIDENTE:
    Stéphane Bouillon, prefecto (gobernador do Goberno francés)
    Ange Santin : Pte. do C. Executivo (UMP)
  • FORMACIÓNS POLÍTICAS CORSAS:
    Corsica Nazione Independente
    PNC (Partido da Nación Corsa)
    Presenza Naziunale
    ANC-Corsica (Alianza Nacional Corsa)
    A Manca (A Esquerda)
    Unione Naziunale (CNI/PNC/A Chjama Naziunale, coalición na Asemblea rota)
    Corsica Libera Nova organización do independentismo unido
  • OUTRAS ORGANIZACIÓNS:
    FLNC (Fronte de Liberación Nacional Corsa): Organización armada, cualificada por Francia como grupo terrorista
    Utità Naziunale: Portal corso sobre a Loita de Liberación Nacional
    CAR Cumitatu Contr’à a Ripressione
  • INDUSTRIA:
    Turismo, gandaría (queixo de ovella), agro (cítricos, viño, olivas)

Entrevistas relacionadas

Novas relacionadas

Europa, Terra de Pobos: Córsega

Tralo ronsel de Pasquale Paoli

13:35 13/05/2009 - En 1755 declarouse independente e en 1769 foi anexionada por Francia. Dous séculos despois, coa chegada dos pieds-noirs,...


Ver Córsega nun mapa máis grande

Lingua e Cultura

Fotos

Autocolante reivindicativo nunha matricula / Autor: rogiro Unha praia corsa / Autor: Feuillu Imaxe de A festa di a Nazione Napoleon Bonaparte, corso "ilustre" Pasquale Paoli, heroe nacional Pintada reivindicativa

Todas as fotos | RSS


Fontes e máis información:
Citizendium | Enciclopedia Galega Universal | Encyclopædia Britannica | Eurolang | Eurominority | Europeana | Linguamón | Món Divers | Unión Europea | Wikipedia