Moncho Iglesias presentou na Feira do Libro de Vigo a súa primeira novela.
Unha novela chea de lirismo, arriscada e diferente: Tres Cores: Azul (Estaleiro Editora, 2010) é a primeira novela de Moncho Iglesias. Subliñan desde a editorial que ofrece unha forma "innovadora e rompedora, diferente do habitual no mercado galego e internacional", criterios á vez que consideran que encaixa coa vontade de estaleiro de abrir "novos camiños no sistema literario galego".
Moncho Iglesias estivo este domingo en Vigo, na Feira do Libro, onde asinou exemplares da novela. Colaborador de Vieiros, o escritor e tradutor Moncho Iglesias é profesor de castelán na Universidade de Belén, en Palestina. A súa tese de doutoramento investiga e compara os contos de tradición oral palestinos e galegos.
Como poeta xa publicara 3'141516 (Indoamericano, 2001) e Oda ás nais perennes con fillos caducos entre os brazos (Positivas, 2007). Como narrador, gañou o premio Concello de Mugardos do ano 2005 e ten colaborado en diferentes publicacións colectivas, como Relatos libertarios (Ateneo Libertario, 2006). No eido da tradución, destaca a súa tradución do hebreo ao galego da obra de Etgar Keret: 0 condutor de autobús que quería ser Deus (Rinoceronte, 2006).