Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
POR CUARTO ANO CONSECUTIVO

'Para enfrontarnos ao capital, aquí e agora soberanía nacional'

Causa Galiza presentou o programa de actos para o 25 de xullo, que contarán coa xa tradicional manifestación, un xantar, debates políticos e un concerto.

Redacción - 14:20 10/07/2010

“A superación do marco xurídico-político español, baseado fundamentalmente na Constitución Española e no Estatuto de Autonomía, ten que vir do exercicio inalienábel do dereito de Autodeterminación”. Así reza o manifesto presentado por Causa Galiza este sábado para a celebración do 25 de xullo e que está asinado por máis de 60 persoeiros da sociedade, a cultura e, especialmente, do mundo sindical galego.

A plataforma soberanista presentou así, coa lectura deste manifesto da man do cantautor punk Leonardo F. Campos (O Leo), un dos asinantes, o seu programa de actos para o Día da Patria. Desta volta manifestaranse baixo o lema 'Para enfrontarnos ao capital, aquí e agora soberanía nacional', unha frase que encabezará a marcha unitaria que partirá á unha da tarde da Alameda. Charo Lopes, membro da portavocía, subliñou que con este lema se quere incidir “nas relacións entre a loita autodeterminista e a actual situación económica”, un obxectivo no que se está a esforzar Causa Galiza.

Este será o cuarto ano que Causa Galiza sairá á rúa en actos conxuntos para defenderen o soberanismo galego. Ademais da manifestación, a plataforma vai realizar o xa tradicional xantar no parque de Belvís. Neste mesmo espazo, realizaranse debates políticos sobre os movementos autodeterministas no Estado Español, a relación da crise coa reivindicación soberanista ou a situación da lingua galega.

O programa complétase con presentacións de libros, competicións de billarda e fútbol e actividades para nenos e nenas. A partir das oito da noite, e como principal novidade, celebrarase un concerto coas actuacións de Projecto Trepia, Labregos no Tempo dos Sputniks e Fracasados de Antemano.


Ligazóns

4,3/5 (23 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: