Á montaxe ideada por Raquel González Gamallo e con música de Luar na Lubre xa superou o millón de visitas na rede.
“Aínda hoxe queda xente que sabe sentir a terra, queda aínda quen comprenda canto pode aprender dela”. Os versos da canción 'Terra' de Luar na Lubre cobran unha nova dimensión logo do éxito de difusión do vídeo 'Axuda urxente para o Courel', que xa sumou máis dun millón de visitas no youtube, a principal páxina de reprodución de vídeos na rede.
Logo de que máis dun millón de persoas picasen no play desta montaxe audiovisual, xa se converteu no primeiro vídeo galego en acadar tal cifra e practicamente duplica as visitas dos seus inmediatos seguidores ('Bailaré sobre tu tumba', de Siniestro Total; 'Me pica un...' tamén de Siniestro; ou 'Canto de andar' de Luar na Lubre').
Montado por Raquel González Gamallo, veciña de Vigo mais con avós da Serra do Courel (no concello de Quiroga), o vídeo acompaña con imaxes do Courel o tema “Terra” de Luar na Lubre, que tamén foi escrito pola propia González Gamallo. Foi subido á rede en maio de 2007 e tiña por obxecto acadar a máxima difusión posíbel, para “dar a coñecer ao Mundo o que no Courel está acontecendo”, en referencia ás continuas agresións que, daquela e agora, sofre o Parque Natural a xeito de canteiras, louseiras, eólicas, hidroeléctricas e demais industrias que pouco respecto amosaron, ao longo dos tempos, por un dos espazos naturais de maior beleza paisaxística de Galiza.
A iniciativa, apoiada por diferentes colectivos como SOS Courel, Verdegaia, Arredemo, Ecotono, Amigos da Terra, Adega ou a Federación Ecoloxista Galega, confirmou así o seu éxito e esta grande difusión e, nas palabras dun dos seus voceiros, Orlando Gregorio Álvarez “fixo inútil o intento de políticos corruptos, infiltrados en todas as administracións, de xustificar ou ocultar o abuso e a destrución ociosa dunha terra de valor incalculábel”.