Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
INNOVACIÓN

Contra a caída de prezos: leite fresco e sen intermediarios

Os gandeiros dunha explotación de Touro ofrecen directamente o seu produto aos consumidores a través dunha máquina expendedora de leite colocada en Compostela.

Redacción - 12:09 25/06/2010
No primeiro día, a iniciativa foi un éxito. Os promotores xa pensan en colocar outras sete máquinas noutras cidades.

No primeiro día, a iniciativa foi un éxito. Os promotores xa pensan en colocar outras sete máquinas noutras cidades.

Acurtar o camiño entre produtor e consumidor e aforrar os custes que isto supón. Este é o obxectivo que se marcaron os produtores da Gandería A Portela, de Touro, á vista dos poucos beneficios que lles deixaba o seu traballo. Co prezo do leite á baixa, cuns custes de produción que superaban a propia rendibilidade do negocio e coa certeza de que os únicos que gañaban co seu traballo estaban a ser os intermediarios, buscaron alternativas para colocar directamente o seu produto ao mercado.

Contra as agresións da industria
Coa colaboración da Asociación Galega Serra do Bocelo estudaron as características coas que debería contar unha máquina expendedora de leite fresco, unha alternativa para poñer o seu produto directamente no mercado e non perder os beneficios que, acotío, quedan en mas dos responsábeis de toda a cadea que se estende entre o produtor e o consumidor. Despois, o ITEGA de Ourense foi o encargado de deseñar o dispositivo, o primeiro construído integramente en Galiza.

Dende esta semana, a máquina xa está operativa na Praza de Abastos de Compostela, se ben os gandeiros xa deixan aberta a porta á colocación de máis máquinas deste tipo noutros mercados. En concreto, segundo nos explica Ramón Barreiro, da Gandería A Portela, xa está proxectada a marcha doutras sete máquinas expendedoras máis. A iniciativa xerou xa moito interese e os promotores están a atender as peticións de gandeiros doutras cidades. De feito, apunta Barreiro, mesmo están pensando en “crear unha asociación de produtores que apostan por vender o leite directamente, para afrontar conxuntamente as dificultades que aparecen e mesmo as agresións da industria”.

Fresco, de calidade e en excelentes condicións sanitarias”
Segundo nos explica Óscar Antón Pérez, enxeñeiro técnico agrícola da Asociación Galega Serra do Bocelo, as particularidades desta máquina son moitas. Dunha banda, “o sistema está totalmente automatizado, permite engarrafar cantidades de leite que van de medio en medio litro previo pago con moedas, billetes ou cunha chave que pode recargarse na propia máquina”.

A súa capacidade é de 400 litros diarios, se ben no momento en que se esgota o leite, os gandeiros reciben unha mensaxe que os alerta para recargaren a máquina. Doutra banda, permite dispor dun produto de primeira necesidade, fresco, de calidade e en condicións sanitarias excelentes. Outra das novidades que incorpora esta máquina é a capacidade que ofrece para dispensar o leite a unha temperatura constante de tres graos, que non varían nin cando se tiran as botellas. A maiores, o sistema non xera practicamente ningún residuo, xa que conta con sistema de limpeza automático.


5/5 (25 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: