Érguese un pola mañá coas noticias e escoita como, nun debate parlamentario sobre enerxía entre un Zapatero en caída libre e un Rajoy pletórico de crise económica, este espétalle ao presidente que o goberno non ten política enerxética e que co das nucleares está preso de “prexuízos ideolóxicos”. E así non hai maneira de que che sente ben o pequeno almorzo.
A dereita debería tranquilizarse e pensar, con responsabilidade, que se vai gobernar non hai que esbardallar con mensaxes que hipotecan, para mal, o goberno futuro. Porque, despois, métense en leas como a lingüística galega, precisamente por estaren presos do seu propio discurso electoral opositor (nada exento, xaora, de prexuízos ideolóxicos!).
Cando eramos rapaces tiñamos claro que co pan, e con varias cousas máis, non se xogaba. Eran liñas vermellas. Agora as liñas son todas invisibles, e boa parte dos nenos e nenas -e da clase política- “liberalizou” o falar que é un primor. Pero non é bo: hai certas cousas que deberían ser parte do consenso básico, do que se consolida institucionalmente, constitucionalmente. Deixar as nucleares e apostar polas renovables –e polo aforro público e privado de enerxía- é un deses consensos posibles. As galegas e os vascos, os veciños e os sindicatos, os autónomos, os gais, a Igrexa, Pajín e Cospedal, Hernández e Fernández, e mesmo Ramón e Cajal, deberían estar de acordo.
E xa non por un posible Chernobyl. Nin sequera porque a mesma dereita mundial que nos leva a inxustificables guerras contra o Terror Organizado debería escoitar a xente coma o doutor Lyman, da Union of Concerned Scientists, cando di que: “se un equipo de terroristas se introducise nunha central nuclear podería causar dano bastante como para provocar a fusión do núcleo e un fallo na estrutura de contención de devastadoras consecuencias”. O problema eternamente irresoluble é o do refugallo radiaoctivo. Ese que hai despois que andar a trasladar e almacenar. Ese que ten séculos de actividade por diante. Ese ao que unha persoa non podería estar exposto máis de 20 segundos antes de pasar a formar parte, no alén, naturalmente, do eterno club de fans de Rajoy.
Así que sentidiño e cancelas no falar, que co pan e a vida non se xoga.