Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Oito anos despois

O macroxuízo pola marea negra do Prestige comezará este outono

Este martes finalizou o período de investigacións. Apenas a defensa de Nunca Máis reclama a imputación do ex director de Mariña Mercante, José Luis López-Sors.

Redacción - 10:00 09/06/2010
Vertido do Prestige antes de afundir

Vertido do Prestige antes de afundir

A Avogacía do Estado baralla que o xuízo do Prestige comece finalmente este outono, "máis perto de novembro que de outubro", segundo sinalaron fontes deste órgano logo de que este martes finalizase o prazo formal de presentación dos escritos de acusación. Polo tanto, o macroproceso coincidiría co oitavo aniversario do desastre ambiental, ocorrido o 13 de novembro de 2002.

O Estado solicita penas de prisión para o capitán do monocasco grego, Apostolos Mangouras, para o xefe de máquinas, Nicolás Arguropoulos, e para o primeiro oficial, Irineo Maloto por un delito ecolóxico e outro de desobediencia. Tamén reclama a responsabilidade civil subsidiaria da armadora e da aseguradora do barco, así como do seu propietario e do cargador.

Pola contra, pide a absolución do ex director xeral da Mariña Mercante, José Luis López Sors, para o que exercerá a defensa, xa que entende que as decisións adoptadas entón non foron a "causa" do accidente e que non houbo responsabilidade por parte do Estado no afundimento do buque. Ademais piden uns mil millóns de euros en concepto de indemnización.

As acusacións particulares dos afectados polo vertido de 77 mil toneladas de petróleo, a maior desfeita ecolóxica na historia do noso país, presentaron os seus escritos de acusación solicitando a apertura do xuízo oral do caso e reclamando a imputación do capitán, o xefe de máquinas e o primeiro oficial do buque.

Así, aínda que as confrarías piden nove anos de prisión para os tres, unicamente a defensa da plataforma Nunca Máis reclama a imputación, ademais de Apostolos Mangouras, do ex director de Mariña Mercante, José Luis López-Sors, para o que pide cinco anos de cárcere. As organizacións representan uns 14 mil pescadores e outros afectados.

Lei estatal: Persoas, non compañías

O fiscal do caso, Álvaro García Ortiz, explicou que a investigación ocupa 266.650 páxinas. Cómpre lembrar, ademais, que a lexislación española estabelece que só poden ser xulgadas persoas que traballan para empresas, non as propias compañías.

García Ortiz sinalou que o caso Prestige foi complicado polo feito de que navegaba baixo bandeira das Bahamas, estaba asegurado no Reino Unido e rexistrado nos EUA como parte dunha frota de Suíza con sede en Londres, mentres que o propietario e o capitán son de Grecia.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: