Con ritmo electrotamborileiro achegamos esta quinta feira un novo ghit argallado pola banda 'Carrero Bianco'.
"Ardeme o eixe: Canción rural-porno-espacial de toques tecnofuturistas, dende Xil Ríos ao espacio interestelar, que trata de quenturas insatisfeitas e sentimentos encontrados. Aventuras sexuais moceando dende o palleiro e lanzada ao espacio exterior. Sempre é a mesma historia, dende o rural profundo ata o recuncho mais afastado da Galaxia".
Así nos presentan a A Polo Ghit 2010 a xente de 'Carrero Bianco' esta súa peza. Con menos dun ano de vida os Carrero Bianco lanzáronse a tocar e facer cousas entre o naif e o metafísico para superar todas as crises sen deixar de bailar... xa tocaron con grupazos coma T.A.B ou Tarántula, ou o Festival do norte 2010, ademais de ser ben recibidos no fogar dos Franc3s.... "o seu reino non e deste mundo".
Un cuarteto este, Carrero Bianco, que xunta unha "irresistíbel" electro-tamborileira, cun membro fundador dos 'Triángulo de amor bizarro' e un "neno prodixio" que liderou os 'Bonitos del norte' a finais dos oitenta. Completa a ecuación do "pop perfecto" un dj emblemático do activismo indie galego "aqueixado pola febre dos sintetizadores vintage". Carrero Bianco son: Rocío Bianco (batería electrónica e voces), Blas Bianco (baixo e voces), Joaquín Bianco (guitarra, microkorg, voces), Agostinho Bianco (teclados varios e microkorg)