Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONFERENCIA

O galeguismo na encrucillada do século XXI

Ofrecémoslle a intervención íntegra do empresario dezao Rafael Cuiña na Coruña, a unha palestra á que acudiu convidado pola agrupación O Facho.

Redacción - 11:58 02/06/2010
Tags:

“O galeguismo na encrucillada do século XXI”

Preguntaranse algúns de vostedes sobre a necesidade de facer un relatorio sobre a situación actual e o futuro do pensamento galeguista, nun momento no que estamos a padecer a máis fonda crise estructural dende a primeira gran guerra europea, e na que o 80% da poboación mundial non chega ao limiar das necesidades básicas cubertas.

Teimo no debate sobre a ideoloxía galeguista e as súas perspectivas cara os tempos vindeiros, porque creo necesario pór en valor, todo aquelo que nos reafirma como pobo diferenciado, que lonxe de afáns independentistas pouco argumentados racionalmente, nunha sociedade tan globalizada, non só non nos separa, senón que nos fortalece e complementa con outros pobos irmáns, tanto do propio estado español, como cos latinoamericanos, nos que a presencia da alma de Galicia é tan significativa.

O que este relatorio propón, non é, nin moitísimo menos, esquecer o pasado dos que tanto fixeron polo pensamento entroncado na raíz desta terra, senón partindo deses sólidos alicerces, enfocar o futuro do país onde pacen os bos e xenerosos, pero tamén os imbéciles e escuros. O galeguismo ten que ser unha luz que guíe a nosa sociedade en positivo, e que non poida ser tragada, pola súa intensidade, polos buracos negros negacionistas da nosa identidade social e cultural. Partimos coa dignidade e as armas que nos deixaron os nosos devanceiros, que tanto traballaron dende o compromiso co noso país, para que as seguintes xeracións collesen unha testemuña do que naceu nas congostras, e aspira a percorrer as estradas da nosa conciencia como pobo, a pesares de partir dende un elitismo un tanto pechado no seu tempo, independente do sentimento real das xentes que probablemente sen ter consciencia de elo, levaban o galeguismo como unha condición de seu.

Por iso a necesidade fundamental que temos nos momentos que empezamos a perder a fe, nas nosas lexítimas reivindicacións, en volver aos valores básicos iniciais, aqueles que xurdiron de mentes abertas e comprometidas en tempos de escuridade dogmática, e que tiveron a ben ensinarnos os pais do galeguismo, para que o que nos autoidentifica, consiga poñerse en valor, para achegarmos en moitos eidos aos pobos máis desenvolvidos do Estado e de Europa, cos que temos un evidente atraso, por mor da histórica marxinación desta terra pola súa condición de periférica, á que algúns tiveron a tentación de facer unha fisterra non só xeográfica, á que non estamos dispostos.

Nun momento no que o centralismo xacobino e os seus altovoceiros, empezan a falar, ser rubor, da necesidade do fin do Estado da Autonomías, e polo tanto a eliminación do título VIII da Constitución, -inmutable para outras cuestións que non lles interesan-, nunha difícil época na que os poderes fácticos non miran con receo esnaquizar os logros e progresos autoidentificadores conseguidos dende o berce da nosa democracia, por ter nas súas limitadas mentes a certeza que a diversidade é tóxica por disolvente, e non unha riqueza inmensa á que se lle pode sacar rendemento, incluso por parte daqueles sectores nos que o pragmatismo económico e o utilitarismo, é a súa única razón de ser, por riba de condicionantes aos que de xeito lamentable consideran máis ou menos utópicos, cando non absurda e irracionalmente románticos.

Existe un vello erro no imaxinario colectivo, que consiste en identificar de xeito sinxelo, o galeguismo coa defensa e a promoción do noso idioma propio, dende unha visión reduccionista desta ideoloxía, e desta sociedade. O galeguismo tamén parte doutros piares absolutamente claves para a súa asunción como referente de pensamento político, como é a ordenación do territorio e a súa protección, o modelo económico baseado na racionalidade e na potencialidade do entorno socio-vital no que vivimos, ou mesmo o enfoque estructural que se lle pode dar a un país periférico, dentro do universo da globalización.

     Afirmaba Bertolt Brecht que é unha demostración de que corren malos tempos, cando hai que defender o evidente. E a evidencia é que estamos nun momento decisivo cara o futuro da nosa cultura e a nosa concepción de país, polos ataques sistemáticos, e case afirmaría que programados, cando non indiscriminados, que dende grupos de presión con importantes apoios dos “media” e dos susoditos poderes fácticos, fan á nosa lingua, esencia deste pobo ancestral da condición de seu.

     Un goberno ten a obriga de velar e defender os intereses dos seus representados, e non pode existir nada máis importante que facelo coa ferramenta de comunicación que temos en herdo dos nosos pais e avós, e o deber moral e existencial de transmitir aos nosos fillos.

     É de lóxica absoluta, que se a Constitución de 1978 proclama a cooficialidade do galego e do castelán, (que os galeguistas asumen, como non podía ser doutro xeito), e o seu necesario equilibrio no sistema educativo, este teña que lograrse partindo dunha certa discriminación positiva, -e non estou a falar de inmersión-, do idioma que parte dunha clara posición de inferioridade, que non é outro que o galego. Pero non só, por unha cuestión de tradición social na fala, ou por interese político con achegas disgregadoras, senón tamén e en derradeiro caso, por puro egoísmo, aínda que sexa dito con orgullo, polas súas inmensas posibilidades para establecer lazos sociais, culturais, e por que non dicilo, económicos, con pobos do potencial emerxente do Brasil, Angola, e outros mercados cos que compartimos unha lingua da mesma orixe galego-portuguesa, e todas as posibilidades que abre cara Galicia, na Europa da recesión; ou incluso ao propio mercado luso, e as súas antigas colonias, dos que non sempre de xeito intelixente estamos a dar as costas, en troques de aproveitar as súas posibilidades de presente e futuro.

Polo tanto é necesario, como un exercicio de responsabilidade, un gran pacto pola lingua, liderado polo partido máis importante de Galicia, pola democrática vontade dos galegos cos seus sufraxios, e volver a consensos lóxicos, que en outras épocas non tan afastadas, os nosos políticos conseguiron, mirando sen complexos aos intereses de Galicia e dos seus administrados, por riba de moi lamentables intereses partidarios, por un e outro bando, socialmente inasumibles por unha poboación farta da falla de ponderación dunha caste que non sempre demostra estar á altura das circunstancias.

     Se os datos estatísticos reflicten, con triste claridade que dende o ano 2003, a utilización do galego caeu ata 13 puntos porcentuais, e en cidades como Vigo, só o fala habitualmente o 7´5% dos seus habitantes, é que temos un problema ao que hai que buscar solucións, e demandar responsabilidade, para que reaccionen aqueles poderes públicos que teñen a obriga estatutaria de protexer a lingua nai desta terra. Nesta teima non existen nin liberais nin socialdemócratas, nin galeguistas nin marxistas, só galegos de ben dispostos a loitar sen condicións polo seu, dende a lembranza permanente de todos aqueles que puxeron o seu grao de area nesta loita sen cuartel, contra vento e marea, e aos que os seus descendentes miran con orgullo, por estar lexitimados para marchar cara o outro mundo, tan só cubertos coa bandeira galega, símbolo do que tanto amaban, e referencia vital absoluta dos que sen complexos defenden que a súa prioridade é o ben de Galicia.

O que é evidente, é que se alguén quere ser considerado galeguista, non pode obviar a importancia do territorio, a súa singularidade, o desequilibrio estructural existente entre as terras do litoral e as do interior, a súa ordenación, e especialmente a súa protección.

Nestes duros tempos nos que as administracións públicas, ven recortados os seus ingresos pola crise, na que a administración do Estado vese obrigada a reducir inversión que afecta ao consumo, e na que os concellos do país de súpeto teñen dificultades nas súas finanzas, poñendo en dúbida as súas posibilidades de acceder ao crédito bancario, aínda que algúns irresponsables posteriormente o queiran atribuír a erros tipográficos no B.O.E, nunha demostración do paradigma do que poderíamos chamar “mentiras arriscadas”, quizais chegou o momento de tomar a serio iniciativas como a do alcalde de Lalín, argumentadas e postas en valor por un moi interesante traballo da USC, sobre o estudio da posibilidade da fusión de concellos, de xeito que o maior volume destes, permita acceder a un maior nivel de inversión e servicios, e tamén por que non dicilo de ingresos, tanto da administración estatal como da autonómica, para satisfacer as demandas en núcleos de poboación, que polas súas características e censo, non o poden facer. Así como retomar a análise da eficacia e necesidade, ou non, da futura existencia das áreas metropolitanas, tanto de A Coruña como de Vigo, que empezou na anterior lexislatura da man do ex conselleiro Méndez Romeu, mais pasou polo que se ve a formar parte do “limbo dos xustos” daqueles asuntos a tratar “Sine die”, por non ser considerados, ao mellor erroneamente, como prioritarios.

Ás veces é tan simple como utilizar o sentido común, sen ter que seguir necesariamente as teorías a este respecto de Antonio Gramsci, e aplicar con arranxo á norma lexislativa, os plans xerais de ordenación urbana, sen saltarse como tantas veces sucedeu en Galicia, a normativa por parte de rexedores irresponsables, practicantes da política do “ti vai facendo”, que tanto dano fixo a esta terra. E a necesaria aplicación da chamada “lei do litoral” que combine a protección da nosa fermosa costa de intencións “marbellizadoras” ás nosas aínda pouco castigadas paisaxes, pero coa suficiente responsabilidade e flexibilidade, de axudar racionalmente a dous sectores estratéxicos fundamentais para Galicia como é o da construcción e o turístico, e os seus efectos colaterais en outras industrias auxiliares directamente dependentes do bo funcionamento deles. Todo elo sen renunciar, nin por asomo, a cuestións que eu considero tan fundamentais, como é a ampliación da rede natura e os nosos espacios naturais protexidos,  das intencións viles de esnaquizar o que non deberíamos nin deixar pasar pola nosa mente, do pragmatismo do rendemento económico, frío e calculador do sistema capitalista.

A potenciación do transporte público, a chegada do AVE, cuestión que non poder admitir demoras por parte dunha terra historicamente marxinada, a mellora dos camiños de ferro e as infraestructuras que permitan dar ferramentas aos nosos mercados e empresarios para ser máis competitivos, deben ser unha prioridade nas políticas inversoras, nas que nos tempos de bonanza económica, ao mellor non tiveron, quen debía telo, a visión suficiente para non dilapidar en cuestións innecesarias que poden ser parte do problema estructural que agora mesmo temos; de aí que non quede máis remedio que a aplicación de políticas inversoras realistas, e a toma de medidas drásticas, por duras que sexan, para que a bola de neve pola pendente non chegue o momento en que sexa imposible freala, por non facer o que se debe no seu momento. Pero para conseguir todo esto, é necesario ter un executivo estatal, e cando corresponda autonómico, inmune a presións políticas, que dan inseguridade aos mercados financeiros polo seu constante cambio de parecer e actitude, en cuestión de horas, sobre decisións tomadas sen bases sólidas.

Se temos en conta que Galicia é unha potencia mundial no sector pesqueiro, a súa importancia a nivel europeo no sector da automoción e as súas empresas auxiliares, e o seu tremendo potencial no aínda verde sector turístico, debemos dar importancia no coñecemento das novas xeracións, nestes eidos, cunha formación profesional axeitada para o entorno socio-económico no que vivimos, e ver a realidade do fin do transvase entre o sector agro-gandeiro e o industrial, chegando tempos nos que xentes da relevancia do pensamento económico como Guillermo de la Dehesa, propoñen un transvase á inversa, como unha das posibilidades de saída desta fonda crise, e a volta a unha gandeiría e agricultura, neste caso especializadas, ao fronte de empresarios coa formación axeitada, para poder seren competitivos nun mercado saturado, que na susodita especialización, pode ter unha das súas posibles táboas de salvación.

Aínda que algúns analistas consideran como crepuscular a situación dos sectores estratéxicos galegos, non son máis que sofismas daqueles que agochan a cabeza en tempos duros, incapaces de ter a valentía de tomar as decisións necesarias, cando corresponda, pola vil cuestión de non perder poltronas para as que seguramente non estean capacitados.

Este enfoque, dende a terra e para a terra, que fago, son consciente da posibilidade que alguén estableza neoloxismos co protagonista do “banqueiro anarquista” de Pessoa, pero parte da miña modesta pero firme convicción de que os galegos temos a capacidade máis que suficiente, para saír da situación da que semella non nos queren deixar saír, ou ben por acción, ou ben por omisión, aumentando cada día esa mal chamada “débeda histórica”, cando debera chamarse simplemente  xustiza, que dende o Estado teñen con nós, e pór paos nas rodas do crecemento cualitativo que necesita esta bendita terra.

Claro que para todo o que propoño neste relatorio dende este novo galeguismo do século XXI, temos que ter as ferramentas lexislativas necesarias adaptadas aos novos tempos, como ten que ser un novo Estatuto, que como norma máxima deste país, marque as pautas legais, e sexa o vieiro polo que transcorra a Galicia da primeira metade deste século, e que recolla, entre outras teimas, os mínimos que sirvan de garante da inversión do Estado nestas terras, o impulso da sanidade pública coa posibilidade, por exemplo, dunha segunda opinión médica por lei, os marcos dentro dos cales serían posibles as fusións financeiras de entidades con capital público, a creación dun organismo tan importante como a Axencia Tributaria Galega, ou o propio Instituto de Crédito Galego, que facilite ao noso moi danado tecido productivo, a posibilidade de acceder ao financiamento necesario para dar liquidez ás nosas empresas, e impulso aos novos proxectos que as mentes creadoras galegas poñan ao dispor da intelixencia empresarial.

A pasada lexislatura a piques estivemos de conseguir esta achega. Se a maior dificultade é o recoñecemento de Galicia como nación, como recolle o noso himno, aprobado por unanimidade na Lei de Símbolos de Galicia cando fala de “nazón de Breogán”, dicir que moitos galeguistas si consideramos a Galicia como unha nación, que como dixo Castelao  é unha terra perfectamente definida étnica, xeográfica e historicamente, mais non xogamos con proclamas independentistas absurdas nestes tempos, aínda que o noso predicamento nos leve á fronteira da autodeterminación.

Así ocorreu dende os nosos pais da “xeración nós”, pasando por rexionalistas como Brañas, e tantos como Bóveda, Risco, ou o propio Otero Pedrayo, ata chegar aos nosos tempos, nos que teimudos galeguistas loitan contra corrente, remando polo que consideran xusto, a pesares de non ser sempre ben entendidos nas súas cruzadas contra a indignidade cultural que algúns pretenden establecer neste país.

A dificultade do sistema electoral galego, impide ó acceso á representación parlamentaria, e nos concellos do país, a sensibilidades non concentradas baixo siglas, que por interese electoral camiñan xuntas dende a dicotomía do seu pensamento, e a diverxencia do seu predicamento. Sería o momento de abrir o debate da conveniencia ou non, de rebaixar do 5% ao 3% a porcentaxe necesaria para ter presencia institucional que recolla un maior número de sensibilidades existentes no país, necesitadas de xusta representación orgánico-institucional.

Un novo Estatuto que recolla a posibilidade da presencia de Galicia con representación no exterior, en marcos análogos a institucións como o Instituto Cervantes, que permitan dar a coñecer e expandir a nosa ancestral cultura, máis aló das nosas fronteiras xeográficas, naqueles lugares como latinoamérica, na que por medio dos nosos emigrantes tamén latexa o corazón desta terra. Consideramos necesaria a suspensión do voto emigrante, tan prostituído na historia da nosa feble democracia, ata que non se dean as condicións obxectivas necesarias para garantir, mediante urna, a certeza dun sufraxio que kafkianamente chegou a estar en mans de pseudopolíticos sen escrúpulos, que en ocasións fixeron incluso votar obscenamente aos bos e xenerosos que deixaron este mundo.
Galicia pode liderar, sen ningún xénero de dúbidas, unha reforma estatutaria, sen ter que agardar a resolucións de altos tribunais para outras terras con outras características, que fan que o modelo proposto non teña por que ser necesariamente na terra de Castelao como disposto.

O partido gobernante en Galicia, o Partido Popular, tivo sempre, e segue a ter no seu celeiro de votos, a persoas comprometidas cun galeguismo moderado e integrador, que parte do convencemento absoluto da prioridade dos intereses dos galegos, por riba das intencións que veñen dende máis alá do Padornelo de facer un todo, o que evidentemente non o é. Por iso, observo cunha certa envexa sá, os pasos que pretende retomar, na recuperación do pensamento galeguista, o PSdeG, na súa próxima conferencia política, liderados polo sobresaínte Ministro Caamaño, e aos que modestamente animo, a que partan do convencemento sólido, e non dos bastardos intereses electorais, que tanto dano fan á credibilidade do sistema e a caste política. E a necesidade dun nacionalismo de esquerdas disposto a abandonar trincheiras virtuais e abrir, o abano da súa oferta a outras sensibilidades nacionalistas carentes de representación, como semellaba pretender de xeito especialmente brillante e comprometido, o meu bo amigo Anxo Quintana.

Os que na nosa bíblica política levamos gravado a lume que Galicia é nosa nai e nosa señora, só aspiramos a que o futuro sexa o mellor para os nosos fillos, dende o amor á terra na que tiveron o seu berce e na que agora pacen, dende o compromiso sen ambaxes co que nos fai diferentes, e coa claridade de ideas necesaria para aportar dende a modestia, ao fortalecemento vital do “país dos mil ríos”.

Moitas grazas


4,81/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: