O empresario e colaborador de Vieiros participa nunha palestra organizada pola Asociación Cultural O Facho, no seu ciclo Lingua, literatura e nación.
“O galeguismo na encrucillada do século XXI”. Este é o título da conferencia que impartirá este martes 1 de xuño o empresario lalinense e colaborador de Vieiros Rafael Cuíña. O acto, que comezará as 20 horas na sede da Fundación Caixa Galicia (A Coruña), está organizado pola Asociación Cultural O Facho, no seu ciclo Lingua, literatura e nación. Súmase así a outros conferenciantes como Xosé Luís Méndez Ferrín (presidente da Real Academia Galega) ou Mauricio Castro (portavoz nacional de Nós-Up), que participaron nas palestras dos últimos meses.
A presentación de Cuíña correrá a cargo do ex-deputado e senador socialista Xosé Luís Rodríguez Pardo. O empresario é membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA) e colabora como articulista en Vieiros e noutros medios do país. O Facho subliña na súa presentación o seu “nidio posicionamento na defensa da Lingua e da Cultura galega”.