O PSdeG municipal asegura que non descarta nada e os populares déixanse querer. Mentres, o alcalde nacionalista garda silenzo.
Fernando Suárez, alcalde de Ribadeo, someteuse a unha moción de confianza, que non gañou
Ribadeo podería converterse no noveno concello galego en afrontar unha moción de censura durante esta lexislatura. O ruxe-ruxe e as conversas entre os partidos da oposición cobraron unha nova dimensión esta semana, despois de que o alcalde nacionalista, Fernando Suárez, non fose quen de superar unha moción de confianza o pasado venres. A partir de entón, PPdeG, PSdeG e UPRI teñen un mes de prazo para presentar candidaturas e elixir un novo rexedor.
Xénese do conflito
O acordo subscrito polo PSdeG e BNG para gobernar nos 95 municipios nos que non se rexistraron maiorías absolutas, incumpriuse daquela no concello de Ribadeo. O BNG, con catro edís, obtivo o apoio dos independentes, UPRI, que sumaron outros dous representantes. O PSdeG, con outros tres, non avalou o candidato nacionalista e votaron por si mesmos, igual que os populares, que tamén acadaron outros catro edís.
Mal que ben, o goberno municipal mantivo a estabilidade durante estes tres anos de lexislatura, até o pasado venres. Entón, Fernando Suárez (BNG) someteuse a unha moción de confianza vencellada á aprobación dos orzamentos, que o alcalde non superou. As contas de 2010 recibiron nove votos en contra e catro (os da equipa de goberno) a favor e o rexedor asegurou que “o seu grupo quere gobernar, mais non a calquera prezo”.
Pactos soterrados
Balbino Pérez Vacas, o portavoz do grupo municipal do PSdeG, explica a Vieiros que o seu partido non se sumará a unha moción de censura contra o alcalde. Con todo, tamén confirma: “non podo descartar nada”. Se ben a comezos de semana os socialistas adiantaban que escoitarían as propostas do PP, esta porta quedou pechada polo responsábel provincial do PsdeG, Ricardo Varela. Agora, as únicas opcións para a oposición ribadense veñen da man de Ramón López, un dos edís socialistas, que xa adiantou que non está disposto a acatar as indicacións de Varela e que votará “en conciencia”. Ao respecto, Pérez Vacas, afirma que “hai unha persoa que está fóra de control, pero nós tentaremos reconducila, por aí irán os nosos esforzos”.
Mentres, o PPdeG, dirixido por Xosé Carlos Rodríguez Andina, déixase querer. Sen confirmar nin desmentir, o feito de ter que tirar dun tránsfuga socialista bota para atrás a algunhas das voces máis afíns á moción de censura. Outro punto en contra sería o tempo: impulsar un cambio de goberno a tan só un ano das próximas eleccións municipais podería traer consigo máis prexuízos que réditos, apuntan. Doutra banda, quen si xa manifestou o seu apoio a unha posíbel moción é Paco Rivas, portavoz de UPRI, quen afirma que calquera opción é boa para botar a Suárez da alcaldía.
Traizóns e deslealdades
Mentres a balanza se inclina para un ou para outro lado, Pérez Vacas (PSdeG) non reprime as súas críticas ao alcalde nacionalista: “equivocouse”, explica a Vieiros ao tempo que lle reprocha “deslealdade cando formou o goberno”. “Ninguén nos pode acusar a nós de traizón”, afirma, “a ningún de nós se lle ocorreu sacar á luz as razóns polas que o pacto de goberno socialistas-nacionalistas non saíu adiante”. Vacas acusou tamén nos últimos días o BNG de chegar até este punto “collidos da man do PPdeG” con quen aprobaran os orzamentos do último ano.
Pola súa parte, Fernando Suárez (BNG) non quixo, até o de agora, facer declaracións ao respecto da posíbel moción. As súas palabras máis recentes foron as pronunciadas no último pleno municipal, no transcurso da moción de confianza. Entón, considerou “triste, lamentábel, penoso e patético” que os tres grupos da oposición se unisen na súa contra. Queixouse entón das dificultades de gobernar en minoría e defendeu os orzamentos que non contaron co apoio do pleno. Queda por ver, agora, se o pulso que iniciou o alcalde se inclina do seu lado ou do da oposición.