Os representantes sindicais denuncian que a Xunta non lles aclara o seu futuro laboral.
O xerente do Consorcio de Igualdade e Benestar, Roberto Rodríguez, recorreu este mediodía ás forzas de seguridade para rematar co peche de trinta traballadores (case todos delegados da CIG) no local central deste organismo en Compostela que se iniciara unha hora antes. Aínda que non se produciu ningún tipo de incidente no desaloxo, dende o sindicato nacionalista botáronlle en cara ao xerente o ter “moi boas palabras pero maneiras ditatoriais”.
Os traballadores seguen a demandar a aplicación do convenio e, sobre todo, queren saber o futuro que vivirán cando a Xunta cambie a nomenclatura do Consorcio por unha Axencia de Servizos Sociais, tal e como anunciou o Goberno hai poucas semanas.
Dende a CIG sinalan que non é de recibio que o xerente aprace de xeito constante as xuntanzas cos delegados. Aínda así, Rodríguez teríase comprometido a manter unha reunión a vindeira semana para tratar os temas que lle preocupan ao persoal.