BNG, ERC, IU, ICV e Na-Bai acordan instar o goberno español a unha reforma fiscal "progresiva" que grave a quen máis ten.
Aumentar en cinco puntos o tipo ao que tributan as vinte empresas que máis gañan a nivel estatal, recuperar o imposto de patrimonio para as grandes fortunas e estabelecer que quen gañe máis de 100 mil euros anualmente tribute ao 50% no IRPF, limitacións nos salarios dos directivos das grandes empresas... Son exemplo de propostas que as formacións do abano da esquerda no Congreso veñen suxerindo que o goberno español introduza, especialmente no actual contexto de crise.
Nesa liña vai a proposición de lei acordada no Congreso por BNG, ERC, IU, ICV e Na-Bai. Suxestións concretas para unha reforma fiscal que, calculan, podería xerar arredor de 8 mil millóns de euros extra cos que sanear a caixa pública. A fronte común foi presentada esta cuarta feira en conferencia de prensa. Ao fío, o voceiro do Bloque no Congreso, Francisco Jorquera, destacou a oportunidade de "conseguir recursos a curto prazo e ademais efectos redistributivos", na medida en que lle afecta en exclusiva aos contribuíntes de maior capacidade económica.
Reclámanlle "valentía" a Zapatero
A loita contra a fraude fiscal a través da supresión das SICAV, ás que cualifican de "auténticos chiringuitos financeiros para as grandes fortunas"; no que lle toca ao Imposto de Sociedades, a solicitude dun tipo do 35% para as rendas que superen os 100 millóns; a supresión do réxime fiscal especial aplicábel aos traballadores desprazados ao Estado español... Son algunhas outras suxestións específicas que incorpora esta proposta de reforma das políticas tributarias.
O voceiro do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, reclamoulle ao goberno español "valentía" para adoptar estas medidas fiscais. Recordou que o propio presidente do executivo estatal, José Luís Rodríguez Zapatero, xustificara o chamado Plan de Axuste na necesidade de "tomar decisións valentes". "O que non se pode facer é apelar hipocritamente á valentía e transferir o custe da crise aos sectores máis desfavorecidos", teimou o deputado galego, "se se quer ser valente, aproben medidas deste tipo".
Na opinión de Jorquera, as medidas prometidas cara ás próximas semanas ao respecto de aumento de tributos aos ricos semellan ser "unha maquillaxe que só afecta o 0,1% da poboación". O deputado coruñés reprochoulle ao presidente español que opte pola "redución drástica da economía produtiva e polos recortes sociais". "Elixan entre as políticas sociais ou as políticas de dereitas", desafiou aos socialistas.