"A mala xestión desde as organizacións empresariais e algunhas corruptelas dos sindicatos tampouco axudan, mais é evidente que son os políticos que nos meteron nisto os que nos teñen que sacar tamén"
JOSÉ POSADA é un coñecido pioneiro da industria agro-alimentaria galega e fundador da empresa Marrón Glacé. Enxeñeiro químico de profesión, foi eurodeputado de Coalición Galega nos anos 90, formación que chegou a presidir.
a) Por que temos a actual situación de crise?
É moi complicado simplificar neste tipo de cuestións. Estamos inmersos nunha crise europea dos países desenvolvidos. Vemos que en América Latina e en Asia non está afectar deste xeito. Especialmente na China a onde se está a trasladar a ocupación. A diferenza é que aquí procuramos emprego e alí traballo.
b) Cales poden ser as solucións?
Simplificando: traballar máis. E máis intelixencia, espreguizarse. Deixármonos de compracencias, cada un coa súa contribución. O mesmo que cando tes un problema persoal. A mala xestión desde as organizacións empresariais e algunhas corruptelas dos sindicatos tampouco axudan, mais é evidente que son os políticos que nos meteron nisto os que nos teñen que sacar tamén.
c) Cal cre que será o futuro?
A tendencia xa se ve. A diminución do PIB en 2009 foi do 3,9%; para este ano será de 0,8 puntos e ao que vén medrará un 1%. A crise está cuantificada nestes números. Por sectores, a situación é dramática nos que xa tiñamos moi desenvolvidos como a construción; a alimentación ou as enerxías alternativas aguantan. E algo evidente: canto menos consumo, menos riqueza vai haber.